De Adro Vello e dos topónimos

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

07 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana pasada rematou en Adro Vello unha esperada e verdadeiramente científica campaña arqueolóxica. Foi impulsada pola Consellería de Cultura, —entrementres vai tramitando a declaración como BIC— e deseñada e dirixida polo Dr. Adolfo Fernández, coa participación de especialistas das universidades de Coruña, León, Porto, Santiago e Vigo. Estivo, ademais, aberta ao coñecemento do público para o que se organizaron visitas guiadas, con moitas máis peticións de participación das que foi posible atender.

Unha moi boa iniciativa que permitiu a máis de duascentas persoas poderen recibir explicacións concretas, e provocará que eses visitantes se convertan en grandes divulgadores da extraordinaria importancia de Adro Vello, axuden a manter presión social para impedir que, de novo, este tesouro quede no esquecemento e acaden que se transforme —desde Os Castriños ata A Barcela— nunha zona musealizada. Para iso queda un longo camiño que precisará do empuxe constante da colectividade e duns orzamentos importantes das institucións públicas; pero a singradura de Adro Vello cara a ese obxectivo empezou nunha boa nave, con expertos e entusiastas mariños ao temón. Aínda que hai algo que non se vai investigar —e non me refiro a Os Castriños, aos cons do Sineiro ou do Vento, nin á Veiga da Igrexa, porque se fará—: falo de como se denominaría ese lugar.

Obviamente Adro Vello é un topónimo que naceu no século XVIII, con motivo do traslado da igrexa desde o xacemento ata o seu lugar actual hai 251 anos e fai referencia ao cemiterio que quedou a carón da praia, e onde antes existira ocupación desde a prehistoria nunha paraxe habitada cando era a aba dun outeiro, coa liña de costa a moitos máis metros cara ao Norte que hoxe en día.

Un nome descoñecido

Loxicamente, ese lugar debía ter un nome que agora mesmo permanece descoñecido e non sei se algunha vez se poderá desentrañar, porque unicamente temos suposicións, como a do P. Sarmiento que identificaba ese cabo co Orobium Promontorium de Ptolomeo (séculos I ou II), aínda que xa nos séculos IX e X estaba fixado como Igrexa de San Vicente do Grove.

Aquilo debería ter un nome e cabe a posibilidade de que permaneza agachado nalgún microtopónimo da zona, ou na mesmísima denominación Grove. Alí quedan hoxe, coñecidos: Baleela, Barcela, Barreiriño, Con do Vento —onde hai unha cova— Carreiro, Castriño, Eira da Gorra, Finlleiro, Fonde do Santo, Igrexa, Pedras do Cruceiro, Pedregal, Cabalo, Praia do Santo, Redonda, Tomada, Sineiro, —co seu abondosísimo manancial— Veiga da Porta, Veiga da Igrexa…, topónimos que, como todos, son parte da lingua propia dun territorio, aínda que teñan unha evolución diferente a da fala común porque, como dixo Rafael Lapesa, «interésalle ao lingüista coma a paleontoloxía á bióloga ou a arqueoloxía á historiadora: as tres disciplinas permítennos viaxar atrás no tempo e teorizar sobre o noso pasado biolóxico, histórico e lingüístico».

Reflicten como se identificou un lugar no idioma falado e, por iso, en Galicia pertencen ao galego ou ás falas precedentes que o conformaron. Certo é tamén que a evolución incesante do idioma provoca que se perda conciencia do significado de moitos deles, moi claramente cando —como Grove— naceron dunha lingua prerromana extinta. Así que, a día de hoxe, non sabemos como se chamaba Adro Vello —haberá que seguir investigando— pero o que si coñecemos é que ese xacemento, incluíndo os Castriños e o Con do Vento, contén o devir, a vida da Humanidade desde a prehistoria ata a actualidade e, se se confirma a existencia dun cenobio, pecharíase o círculo e ratificaríase que na punta de San Vicente está o máis grande libro de Historia de Galicia a esperar que nolo deixen ler.