Uxía volve a Os xoves de Códax: «A música e o viño combinan moi ben»

sandra Rey / r.e. CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A artista galega actuará hoxe ás oito e media da tarde na terraza da adega cambadesa con Javier Ruibal e Pedro Guerra

28 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Xoves de Códax continúan a súa novena edición coa segunda entrega musical deste verán. Desta volta é a quenda dos cantautores Javier Ruibal, Uxía e Pedro Guerra. Os tres artistas, tres personalidades artísticas ben marcadas, ben recoñecibles, ben queridas, actuarán na terraza da adega cambadesa a partir das oito e media da tarde.

Para Uxía, esta será a sexta vez que participe no ciclo Os Xoves de Códax. A artista tivo a fortuna de estar na primeira edición e dende aquela é unha habitual do evento, no que admite que xa se sinte «como na casa» cada vez que vai. «Permite unha convivencia previa. Hai tempo para compartir, non só para tocar música», sinala. Considera que é una iniciativa cultural que aposta pola diversidade musical e, ademais, «a música e o viño combinan moi ben».

En anteriores edicións, Uxía puido compartir escenario con artistas como Depedro, Silvia Pérez Cruz ou Joao Alfonso, entre outros. De feito, en 2016 xa estivera con Ruibal, con quen se mostra moi contenta de poder recuncar, sobre todo para presentar o seu proxecto conxunto. A cantautora galega e o artista andaluz van realizar unha sesión especial de De tu casa a la mía, un retrato de dous poetas universais, Lorca e Rosalía, que a través de novas melodías permitirá coñecer máis a fondo a súa obra, así como a profunda admiración que Lorca sentía por Rosalía. Uxía di que «vai ser una noite de poesía», na cal reinará a palabra xunto coa música coa intención de «elevar o espírito».

«O concerto vai ser unha festa... Pretendemos que a xente sinta o calor da música», declara a cantante sobre a actuación de hoxe, que desta volta compartirá o escenario tamén con Pedro Guerra, un compositor canario que ten colaborado con mestres como Silvio Rodríguez, Víctor Manuel e Ana Belén, Fito Páez... A velada de hoxe semella ser unha cita prometedora.