O Consello da Xunta consagra a conversión do Bouza Brey en Centro de FP

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Este cambio suporá que o alumnado que ata agora cursaba a ESO e o Bacharelato neste centro pase a facelo, o vindeiro ano, no Cotarelo Valledor

15 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello da Xunta vén de aprobar a conversión en Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) do instituto Fermín Bouza Brey (Vilagarcía). Deste xeito, formalízase un cambio que xa se está a executar e que suporá, entre outras cousas, que o alumnado que ata agora cursaba a ESO e o Bacharelato neste centro pase a facelo, o vindeiro ano, no Cotarelo Valledor. Boa parte dos ciclos que aquí se impartían —igual que os do Castro Alobre e o instituto de Carril— pasan agora a concentrarse no novo CIFP de Fontecarmoa, o centro número 24 destas características en toda Galicia.

Esta transformación, di a Xunta, permitirá «reforzar a estrutura estratéxica das ensinanzas de Formación Profesional», «potenciar a oferta e establecer novas sinerxías co tecido socioprodutivo da contorna» e aproveitar tamén ao máximo os recursos formativos». Este novo centro integrado de FP ofertará máis de 450 prazas en oito familias profesionais.