Fran Sieira: «Un teatro cheo é saúde para a danza»

raquel ares VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

BASILIO BELLO

Un dos coreógrafos e bailaríns que acompañaron ás Tanxugueiras, actúa no Encontro Folclórico Santa Rita

22 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai fronteiras. Así podería resumirse o que aconteceu no último ano coa danza tradicional galega. O éxito de Tanxugueiras no Benidorm Fest foi só o estoupido dun fenómeno que chegou para quedarse. O acervo galego debe moito ao bailador e coreógrafo Fran Sieira, que leva case toda a súa vida dedicándose á difusión do xénero. Por iso, non é de extrañar que a Concellería de Cultura de Vilagarcía lle dese un papel protagonista na sexta edición do Encontro Folclórico Santa Rita, que se desenvolverá a partir das sete na praza da Segunda República. Alí actuarán as súas escolas e compañías. A cita comezará nas raíces máis autóctonas, coas actuacións da Asociación Cultural Nós de Sobradelo e a escola Tahúme de Ribeira. A Compañía de Danza Fran Sieira porá fin á xornada, cunha versión adaptada á rúa da súa obra DeMente, que está arrasando en salas.

—Como afronta a cita desta tarde?

—A verdade é que estou moi agradecido, aínda que se trata dunha gran responsabilidade. Cando mo propuxeron non fun capaz de decir que non. Coa asociación Nós levo pouquiño traballando. Tahúme veume nacer. A Compañía, por outra banda, pretende darlle a volta ao folclore tradicional.

—DeMente fala da saúde mental. Unha obra de sesenta minutos que fai que o espectador pase por moitos estados. Como foi o proceso de composición?

—Cando comezamos con DeMente moitos non nos coñeciamos. Fixemos un proceso creativo moi interesante, mediante unha residencia artística de dous meses intensivos. Pasámonos de luns a venres traballando seis horas nun estudo. Cinco de nós vivimos nun apartamento xuntos. É unha experiencia que che permite madurar moito máis todo. O elenco foi moi xeneroso, deu o mellor de si dende a fase de audicións.

—A música en directo, as cancións, o vestiario e a iluminación xogan un papel moi importante en DeMente...

—Démoslle moitísimas voltas. Fixemos un gran traballo de campo recollendo todo tipo de referencias, para que Cristian Silva elaborase a música. De vestiario queriamos algo moi sinxelo e limpo, pero que á vez dixera moito. Carlos Alonso soubo interpretar esa visión caótica que buscábamos. A iluminación tamén é clave, Fidel Vázquez traballa dende o principio na Compañía e entendeuse moi ben con Carla Diego, a directora artística. Nesta obra cúmprese o dito de que menos é máis.

—Resulta difícil contar unha historia a través da danza?

—O bo da danza é que cada un pode levar a interpretación ao seu terreo. Cada público verao de distintas maneiras. Persoalmente encántame ver unha película que me faga pasar por todos os estados, e iso intentamos con DeMente. Buscamos transmitir a frustración que sente a xente con problemas de saúde mental, que se ven na obriga de actuar coma se non os sufriran.

—En relación co recente éxito de Tanxugueiras Nótase un maior interese pola danza tradicional galega en xeral?

—A nivel asociativo notamos un incremento do interese dos máis pequenos. Temos moitos cativos en lista de espera para o curso que ven en Tahúme. Coa Compañía notamos máis afluencia de público. Que a xente sinta curiosidade por nós é unha alegría. Un teatro cheo significa saúde para a danza.