O equipo de Alberto Varela as afirmacións do portavoz de En Común desmonte as afirmacións de Vilagarcía en Común
27 abr 2022 . Actualizado a las 11:31 h.
O Museo do Ferrocarril continuará existindo, e na súa actual sede, na antiga estación do Carril. Deste xeito desmentiu onte o equipo de Alberto Varela as afirmacións do portavoz de En Común, quen aventurara que o centro expositivo corre risco de perderse porque o Adif quere recuperar as instalacións. Nada máis lonxe da realidade: «Unha vez máis, o señor Fajardo oe campás sen saber onde, e todo lle vale. O mesmo fixo antes cos trens que conectan a Vilagarcía con Madrid ou as obras de Alexandre Bóveda», din dende o goberno. Sinalan que dende que se produciu a concesión da antiga estación do ferrocarril, esta foise renovando cada certo tempo, segundo o que marcaba a lei de contratos en cada momento.
A última renovación dese convenio, de maio de 2021, está en vigor ata maio de 2023. Polo tanto, «é rotundamente falso» que estea caducado. De feito, di Ravella, «Adif e Concello están de acordo en facer os períodos de concesión máis longos, precisamente polos investimentos que se van facer nos vindeiros meses». Ese novo período se establecerá unha vez que o Concello remita ao Adif o proxecto de reforma, construtiva, de contidos e de xestión, do establecemento.
De celebración
Un asunto do que se ocupará o vindeiro luns a Xunta de Goberno, órgano no que se vai a aprobar o proxecto de rehabilitación do museo, sobre o que vén traballando dende hai meses o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, con algunhas das empresas máis importantes do eido cultural e de xestión do patrimonio de Galicia. «O señor Fajardo pode estar tranquilo: o museo continuará, farao no mesmo sitio, nos vindeiros meses el mesmo será testemuña —se quere— da súa transformación e o ano que vén o centro será unha das bases da celebración do 150 aniversario da primeira liña do ferrocarril en Galicia, Santiago-O Carril. É dicir: tal e como este goberno se comprometeu a facer», sinalan dende o executivo socialista, dende o que apuntan, tamén, que no orzamento para este ano hai unha partida de 50.000 euros para o Mufevi. O orzamento aprobado na sesión plenaria deste xoves, na que tamén se rexeitará a única alegación presentada a ese documento.