Os dous equipos dirimen esta tarde en Fontecarmoa o seu desempate na táboa
12 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Mariscos Antón Cortegada abre esta tarde no Pavillón Municipal de Fontecarmoa (19.30 horas) o último mes da fase regular da Liga Femenina 2. Faino diante dun B.F. León co que comparte notables similitudes, rivais hai apenas uns anos polas prazas de fase de ascenso e mesmo polo título de campión de grupo que no presente deben contentarse con ter encamiñada a permanencia na terceira categoría do baloncesto feminino español a vindeira temporada.
As similitudes entre ambos os dous rivais desta tarde esténdese á súa posición na táboa clasificatoria. Co B.F. León oitavo un posto por enriba do Cortegada co mesmo balance de 10 vitorias e 11 derrotas, compartido á súa vez por un Maristas Coruña sétimo.
Diante, o Mariscos Antón ten hoxe un rival formado por un cadro de xogadoras moi novas, coa máis veterana achegándose aos 24 anos. Entre elas, sinala o adestrador do conxunto local, Javi Nogueira, salienta un nome propio. O da internacional española en categorías base Alicia Flórez Getino, que o vindeiro 19 de abril inda cumprirá a maioría de idade. Ela é a directora do xogo do cadro leonés e a súa peza máis valiosa, promediando 13,6 puntos, 6,8 rebotes e 2,6 asistencias por encontro.
Javi Nogueira analiza o baloncesto practicado polo B.F. León e o camiño para tentar anular as súas virtudes: «Es un equipo que juega a un ritmo endiablado. Nosotros debemos evitar perder balones en nuestra parte de la pista y, si no podemos correr, aprovechar la superioridad de nuestras interiores en el cinco contra cinco».
Con todas as súas xogadoras dispoñibles, e unha vez que a permanencia semella feita cun colchón de cinco vitorias sobre o Magectías, co equipo de Lanzarote con tres partidos menos, e de catro fronte ao Rosalía, o técnico do Mariscos Antón sinala que o cadro vilagarcián encara as cinco últimas xornadas da competición regular con máis tranquilidade, pero sen baixar a garda: «La idea es seguir creciendo como equipo, sabiendo que tenemos jugadoras que van a continuar aquí la próxima temporada; y mientras matemáticamente no estemos ni salvadas ni sin opciones de entrar en la fase de ascenso —o Unicaja ocupa hoxe o último pasaporte con catro triunfos máis— seguiremos peleando por las dos cosas».