Do que non debería ser, pero é

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Martina Miser

O PXOM do Grove deixa de protexer importantes elementos patrimoniais

08 nov 2021 . Actualizado a las 12:34 h.

Alfonso Vilar Lamelas (Rouxique 1927-Pontevedra 2011), un dos principais escultores galegos da segunda metade do XX, aprendera a tallar madeira na carpintería de seu pai; entre 1949 e 1952 recibiu unha beca da Deputación de Pontevedra e aproveitouna para entrar no taller de Asorey en Santiago e, despois, irse á Escola de Belas Artes a Madrid. As súas obras públicas son coñecidas e, entre elas, resultan sobranceiras moitas que se atopan pola nosa comarca, onde hai unha moi boa colección: o Mariscador, na Calzada, Cambados; o Aviador Piñeiro e a Madama de Silgar, en Sanxenxo; os monumentos a Fleming, a Alejandro Cerecedo e a Pantera Rodríguez en Vilagarcía. No Grove están os bustos do médico Jacobo Otero Goday, en Lordelo; de José Franco Santos no adro da igrexa de San Martiño e o de Ventura Fernández Fariña no Corgo; o Corvo Mariño, na Lanzada. Pero a obra máis senlleira é, sen dúbida, a escultura Familia Mariscadora familia, patela, nasas, dorna- que, realmente, transformouse na icona, no símbolo do Grove —quizá en maior grado que a Madama de Silgar con respecto a Sanxenxo—.

Trátase, polo seu autor, pola súa configuración, pola súa significación, probablemente dun dos monumentos máis emblemáticos das Rías Baixas e, sen a máis mínima incerteza, do Grove. Unha composición emblemática e representativa apreciada popularmente e que, incluso, se converteu nun lugar para celebracións colectivas. Por outra banda, este grupo monumental está colocado —xa non na súa situación orixinal—, nun dos puntos máis vividos e visitados do Grove: a coñecida praza do Corgo, nas inmediacións do porto.

Recentemente, como xa teño contado aquí, o Concello do Grove aprobou provisionalmente, cos votos a favor do PSOE, as abstencións do PP e de EU e o voto en contra do BNG, o Plan Xeral de Ordenación Urbana despois duns vinte anos de tramitación. Tamén lles dixen como, incriblemente e seguro que por erro, non aparece nel a ficha de Adro Vello como ben patrimonial catalogado, a pesar de ser un dos xacementos arqueolóxicos máis notables de Galicia, aínda que tamén o peor tratado. A maioría dos bens patrimoniais que recolle este PXOM —que me dá a impresión que ninguén repasou— son catalogacións ridículas. A modo de exemplo: inclúe con toda a protección da Lei de Patrimonio Cultural cruceiros deses de nova feitura que se colocan en hortas e xardíns e non representan ningún tipo de interese etnográfico, nin teñen ningún vínculo co significado e esencia dos cruceiros.