
Os comuneiros coñecen mellor que ninguén o territorio da súa parroquia e conservan as denominzacións baseándose no recordo dos seus membros
10 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Os montes veciñais en man común son propiedades privadas de titularidade colectiva, responden ao chamado modelo xermánico de tenza da terra, case que exclusivo de Galicia. Nesta comunidade ocupan ao redor da cuarta parte da súa superficie, despois de seren clasificados como veciñais de man común máis de tres mil montes, unhas setecentas mil hectáreas, nun proceso inacabado. Figuran como comuneiros case 125.000 galegos. No Salnés aínda queda moita superficie para clasificar -por exemplo en Sanxenxo só o están os da parroquia de Noalla-. Estes espazos rexentados por veciños distínguese notoriamente pola súa ordenación dos particulares -de propiedade tipo romana, individual-, demasiado fraccionados e xeralmente abandonados; ademais supoñen un evidente freo á apropiación deste tipo de terreos tanto por particulares como pola Administración, especialmente nas zonas onde o valor do solo é elevado pola presión de edificatoria ou turística. O bo facer, tantas veces con incomprensións, das comunidades de montes é xeneralizado, non só en canto á conservación e explotación forestal, senón tamén por outros usos como, a modo de exemplo por seren coñecidos na nosa comarca, polas repoboacións con frondosas feitas na zona de András, -impresionantes as da contorna do Faro das Lúas-, a contribución etnoturística do silvopastoreo da vaca cachena e a posta en rendemento de terreos en San Vicente do Grove ou a incidencia sociocultural da de Noalla coas actividades na súa Casa Forestal.
As Comunidades de Montes tamén son gardiáns doutro tesouro, patrimonio cultural: a micro toponimia dos montes que, se elas non tivesen retomado a posesión deses terreos, iría desaparecendo. Os comuneiros coñecen mellor que ninguén o territorio da súa parroquia e conservan estas denominacións baseándose no acordo dos seus membros. Quizá teñan que dar un paso máis para facer evidente esta micro toponimia, que axudaría tamén a lembrar a evolución histórica da propiedade do monte e dos usos de seu, amosando a relación das sucesivas xeracións co territorio. Sen poder ser exhaustivo quixera mencionar unhas cantas denominacións, abondosas no Salnés, que se repiten parroquia a parroquia e que reflicten nalgúns casos a orixe e noutras a transformación dos montes de man común. Unha moi clara é Alargos, que nos recorda a propietarios que expandiron cara ao común as súas leiras. Besada cóntanos que se ocupou ese terreo para labralo. Cachada, Cacheirás, refírese ao feito de coller un espazo do común, posiblemente despois de rozar e queimar. Couto, Coutiño, lembra que ese lugar, polo título que fose, coutouse, impedindo a entrada aos demais. Devesa, que non se debe traducir ao castelán por dehesa, vai relacionado cunha carballeira vedada aos alleos. Gándara, Gandariña, ten significados que van desde bosque queimado ata terra chan sen árbores. Rozas, Rozavella, Rozanova, rememora a mesma actuación que nas Cachadas. Senra ou Seara, terreo baldío inculto onde se iniciou unha sementeira. Sacada ou Secada evoca a separación dunha parte do monte común que é o mesmo que nos contan Tomada ou Tomada Nova.
Que as Comunidades de Montes, ante o abandono da Administración na recuperación efectiva dos topónimos, acordaran a sinalización mediante indicadores destes lugares contribuiría, sen dúbida, a un maior respecto, aprecio e valorización dos montes por cada veciño. Todo é entendelo e pórse.