Do último espelleiro e da talasonimia

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Francisco Vidal Piñeiro foi un home deses lugares e tempos nos que había que saber facer de todo no mar en na terra

03 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai poucos días faleceu en San Vicente o último espelleiro: Francisco Vidal Piñeiro, Piñeiro, (San Vicente, 1930-2021). Foi un home deses lugares e tempos nos que había que saber facer de todo no mar e na terra, rexo, de palabras xustas, sempre agarimoso. Sen saber nadar, pasou parte da existencia a bordo das súas dornas: da Carmen e ao remate da Vamos pa Terranova. Saía nelas, primeiro co seu cuñado José Magdalena e logo so, para pescar ao espello, co bixeiro, -noutros sitios dise bicheiro- a gancha, o truel e a francada forxados nas fraguas de Paco Guillán, Baldomero Magdalena ou Porfirio Álvarez, e cos mangos case sempre de varas de eucalipto, por ser resistente no mar e por domearse mellor que outras madeiras; no verán e nas invernías fondeaba e varaba na Barrosa.

Vogaba devagar e era quen, el só, de aguantar a dorna mentres esculcaba os fondos do mar. Despois dunha vida ollando polo espello non existe laño, baixío, limpo, carreiro nin petón dende a punta do Seixeliño ata o illote do Pombeiro, -Sur e Oeste de San Vicente, costa aberta, brava, pedregosa- que Piñeiro non coñecese á perfección. Naquela aldea agraria foran veciños e dorneiros coetáneos, compaxinando con outros oficios, Francisco Crespo, Silverio Otero, José Magdalena, Francisco Álvarez, Nelo Pérez, Francisco Martínez, Ramón, Manuel, José e Francisco García e o máis novo que debeu ser Augusto Magdalena, entre outros. O último da pesca ao espello foi Piñeiro e esa arte foise con el. O espello, ou mirafondos, é unha caixa cadrada de madeira, troncopiramidal, con menor superficie na boca -para eliminar reflexos- e maior onde vai o vidro, que deixa escudriñar os fondos ata uns catro metros; é arte selectiva, ecolóxica, porque permite o marisqueo discriminando que exemplar se colle; unha vez localizada a peza, empréganse a gancha, particularmente coas centolas, a francada, o bicheiro ou o truel para meter as pezas a bordo.

Ata a aparición das sondas e cartas náuticas dixitais os mariñeiros tiñan que ser expertos en talasonimia, como o era Piñeiro. Dise que os agricultores por estas zonas nosas chegaban a discernir uns cincocentos topónimos; non sei se cando se dá esa cifra se ten en conta o coñecemento que acumulaban os que eran a un tempo pescadores e labradores, homes que, á forza, tamén tiñan que estar versados nuns talasónimos moi particulares: as marcas. Para situar un punto no mar, antes da invasión da electrónica, había que ter a lo menos, por cada costado do barco dúas referencias en liña desde terra para triangular co punto onde se descubría peixe e, así, poder volver alí con exactitude. Marcar esixía acordo e coñecer profundamente a liña de costa e era arte dos mellores pescadores que gardaban na memoria cadansúas marcas, descubertas ou herdadas, para asegurárense pesca copiosa. Estes puntos non se desvelaban nunca, entre moitas razóns, porque ese segredo evitaba que se esquilmaran e, dalgún xeito, permitía a súa rexeneración. Teño visto a mariñeiros marchar do sitio en canto vían achegarse outra embarcación, para que non lles collese a marca. Os talasónimos son abondosos nas nosas costas e, tal como vimos falando estes domingos dos topónimos, son denominacións que se están a perder porque as cartas náuticas só recollen os máis destacados e tantas veces con inexactitude. Con Francisco Vidal Piñeiro fóronse, pois, as artes do espello e de marcar; coa xente coma el vai desaparecendo o coñecemento exacto do litoral, os nomes de cada con, enseada ou petón. Que os recuperemos é tamén manter a memoria viva de tantas xeracións de homes coma Piñeiro.