«Facemos o que nos emociona, o que nos sae do corazón»

eva fuentes / B. c. CAMBADOS

AROUSA

SANDRA ALONSO

Novedades Carminha, que están a preparar o seu sexto álbum, asaltan esta noite o escenario do Albariño en Cambados

31 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Festa do Albariño deste atípico 2021 acada o seu cumio esta noite coa actuación do grupo compostelán Novedades Carminha, para o que xa non quedan entradas. O cuarteto vén de lanzar o videoclip do seu último tema, Típica cara, que supón o primeiro adianto do que será o sexto álbum do grupo. Os cincocentos asistentes que acudirán ás 20.30 horas á praza de Fefiñáns poderán gozar de música disco, reggae e ata funk, «todo pasado pola batedora para xerar un estilo e un son propio».

-Camiño do sexto álbum, decenas de «hits» e largas xiras de concertos, apostades pola música nun momento duro para todos.

-A música nos momentos bos encántanos a todos, pero quizais sexa máis importante nos momentos malos. Digamos que é como a vaselina que nos facía un pouco máis suave a pasaxe por momentos tan traumáticos como este. Poder empezar a facer concertos, como hoxe o de Cambados, é empezar a ver a luz ao final do túnel. Estamos moi acostumados a estar xirando durante todo o ano. O estudio encántanos e sacar música tamén, pero todo colle sentido cando interpretamos os temas en directo, se nos quitan iso é como se nos extirparan un cacho de ril.

-Ademais acabades de vivir en primeira persoa a pandemia, xa que tivéchedes que cancelar algún concerto despois de que varios membros do grupo desen positivo...

-Agora vivimos cada concerto como se fose o último. Recordo no 2020, tres días antes de que nos confinaran, estábamos tocando nunha discoteca a rebentar en Palma de Mallorca e xa estaba o ruxe ruxe este de que todo isto estaba chegando, pero nunca nos imaxinamos que ese ía a ser o último concerto con xente pegada. Agora non é o mesmo, pero estamos a tomalo como un tránsito.

-Tedes un estilo propio e non estades suxeitos á escravitude das discográficas...

-Somos independentes a nivel discográfica e a todos os niveis. Esa é a nosa fórmula e na que mellor nos sentimos. Loitas contra todo, porque desde o noso selo é moito máis difícil que aterrar nunha multinacional que poden acelerar a túa carreira, pero nós así estamos cómodos. Facemos o que nos pide o corazón, o que nos emociona, iso é a clave de que isto siga funcionando doce anos despois.

-Isto podémolo ver co voso último tema, «Típica cara». Non vos clasificades nun xénero e non vos poñedes límites sonoros...

- É un tema que nos gusta especialmente a todos, toca xéneros polos que non pasaramos aínda e que nos apetecía moito facer. Temos que propoñer, como artistas é o que nos toca, e a xente conecta máis cunhas cousas que con outras, pero non podemos estar nun mesmo punto durante toda a carreira porque sería ir en contra de como vivimos nós realmente.

-Sodes o prato forte das Festas do Albariño, esgotando as entradas. Como vos sentides?

-O ano pasado coñeciamos que estabamos no cartel antes de que a xente o soubese e tíñamos moitas ganas de facer ese mítico concerto en Fefiñáns, onde nós fomos ver outras bandas e a beber albariño todo o día. Isto facíanos especial ilusión. É unha festa tan mítica, na que moitos galegos puidemos desfrutar con colegas... E tráenos moitos recordos. Tocar nesta festa é un regalo.

-Vides de anunciar fechas no Multiusos do Sar, no Wizink Center e no Razzmatazz.

-Vimos crecendo pouco a pouco, nunca demos un pelotazo. Sempre fomos captando público dende que cantabamos nunha sala con trinta persoas ata poder dar concertos nestes pavillóns, que son lugares nos que vimos a grandes bandas que nos molaban. Por exemplo, no Sar fun ver a Extremoduro, entre outros. Poder anunciar estes nomes é un subidón que marca a temperatura na que estamos, e si tocamos aí é porque nas salas anteriores xa esgotamos as entradas.