Convocan unha nova limpeza na Illa, esta vez de pneumáticos das defensas dos barcos

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

A iniciativa, organizada pola Obra Social de Abanca e a confraría, centrarase en varios areais

26 jun 2021 . Actualizado a las 08:50 h.

Afundación volveu convocar para hoxe sábado unha nova xornada de limpeza de residuos dentro do seu Plan de Conservación Territorial On Plancton. Nesta ocasión, persoas voluntarias convocadas pola Obra Social de Abanca e a Confraría da Illa retirarán en distintos areais pneumáticos extraviados procedentes, na maior parte dos casos, de defensas e ancoraxes. A actividade, que ten como obxectivo, ademais de retirar os residuos, promover a concienciación sobre a importancia de que como sociedade actuemos de forma responsable para manter os entorno e, ao mesmo tempo, axudemos a manter os recursos.

A xornada de limpeza desenvolverase entre as 10.30 e as 14 horas. Faranse dous itinerarios para organizar o traballo. Un pasa polas praias Semuíño, Carbonera e Campo. O outro, polos areais de Sapeira e Varadeiro.

Plancton é un proxecto multidisciplinar, enmarcado dentro da estratexia de sustentabilidade de Abanca e Afundación, que ten como obxectivo principal fomentar a conservación e a sustentabilidade das actividades socioeconómicas que levan a cabo en catro das Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño existentes en Galicia. Este proxecto conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP, e é complementario ao proxecto Life-IP Intermares.