A cativada tamén fai o seu Camiño en Valga

Rosa Estévez
rosa estévez VALGA / LA VOZ

AROUSA

Os pequenos de Valga saíron ao Camiño
Os pequenos de Valga saíron ao Camiño CEDIDA

O alumnado do CRA de Valga saíu a coñecer a ruta Xacobea e, de paso, a recoller o lixo que outros camiñantes deixaron atrás

17 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga é un nome preciso, pero que non transmite a riqueza que detrás del habita. Ese centro rural agrupado é un conxunto de seis pequenas escolas unitarias que decidiron unir forzas para lle ofrecer á cativada de Valga e ás súas familias un ensino de proximidade, de calidade, de excelencia. Un equipo docente volcado no proxecto ten feito milagres: o traballo incansable multiplica os recursos e xera máis traballo, máis proxectos, máis futuro. Este pequeno soño de Valga é un participante habitual no certame de Voz Natura. Este ano, no marco deste proxecto da Fundación Santiago Rey Fernández Latorre, os nenos e nenas do centro veñen de se converter en peregrinos. Durante varias xornadas, a cativada das seis escolas que dan forma ao CRA estiveron a realizar unha parte do Camiño de Santiago que atravesa o seu municipio. E abofé que aproveitaron ben esas xornadas de paseo pola natureza. Segundo relata María Busto, coordinadora do programa Voz Natura neste centro, aproveitáronse as saídas para explicar «a importancia do Camiño de Santiago» na nosa historia e na nosa cultura. Pero tamén se lles falou de máis cousas. Se o Camiño é tan importante, é necesario coidalo. O primeiro paso para iso é «mantelo sempre limpo». Como nin o equipo docente nin o alumnado destas escolas son de falar sen facer, «aproveitamos e fixemos unha recollida do lixo que fomos atopando ao longo do percorrido», explican dende o centro.

Xa son dúas leccións as que o alumnado tirou destes paseos polo Camiño. Pero aínda hai máis. De novo, explícao a coordinadora do programa Voz Natura neste conxunto de escolas: «Esta saída tamén nos serviu para coñecer e darlle valor a nosa flora, xa que ao longo da ruta atopamos distintas especies autóctonas, tales como toxos, xestas, codesos, aveas bravas, carpazas, pampillos, carballos, mimosas, salgueiros, ameneiros, loureiros...», explica María Busto. Todo un mundo de nomes e experiencias para descubrir cos ollos da infancia.