A capitá di si, a mvp, non, así arrinca a construción do Cortegada 21/22

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Sara Gómez seguirá outra tempada no conxunto vilagarcián, que perde a Patricia Vicente

22 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Mariscos Antón Cortegada comezou esta semana a confección do cadro de xogadoras co que estreará nome deportivo na vindeira Liga Femenina 2. Cunha de cal e outra de area. O vicepresidente e voceiro da directiva do club vilagarcián, José Gorgoso, confirmaba onte a continuidade da gran capitá, Sara Gómez, ao tempo que anunciaba a marcha da que foi a xogadora máis valiosa (mvp) do conxunto dirixido por Javi Nogueira e peza crucial na continuidade do cadro arousán na categoría, a base-escolta zaragozana Patricia Vicente.

«Falei co seu representante e díxome que xa asinara por outro equipo», comenta Gorgoso respecto a Vicente. Unha xogadora que con 23 anos cumpridos en abril pechou as súas dúas tempadas no vestiario de Fontecarmoa «con moitos mozos», din no seu xa ex club. Ampliando o seu rexistro de escolta, co que chegara no verán do 2019 procedente do Patatas Hijolusa leonés, reconvertida a labores de dirección por Rubén Domínguez para rematar formando nesta última campaña unha dupla ben engraxada con Sara Gómez, na que por momentos resultaba difícil distinguir quen era a base e quen a escolta. Un arma que soubo rendibilizar Javi Nogueira tras o seu desembarco á fronte do Cortegada a medida que a capitá foi recuperando o seu nivel logo dun ano sabático.

O adeus de Patricia Vicente deixa o Mariscos Antón sen unha xogadora con 12,3 puntos, 5,7 rebotes, 1,5 asistencias e 12,2 de valoración en case 32 minutos en pista de media por partido.

A boa nova é o si de Sara Gómez. A gran referente do baloncesto arousán foi de menos a máis a pasada campaña, ata rematar cuns sobresaíntes números de 12,5 puntos, 3,7 rebotes, 2,9 asistencias e 11,6 de valoración media en 34 minutos de xogo por encontro.

Gorgoso sinala que a intención da directiva é poder anunciar en breve a sinatura da renovación de todo o corpo técnico da última campaña, con Javi Nogueira de novo á fronte. Tanto é así, que o adestrador vilagarcián é quen está a traballar xa na confección do novo cadro de xogadoras do Mariscos Antón Cortegada. Nel, di o voceiro da directiva, non se descarta a ningunha das oito baloncestistas restantes que remataron a tempada a finais de marzo para competir nunha LF2 que volve ao seu habitual formato de dous grupos de 14 equipos, só que degradada á categoría de bronce española.