«A mocidade conectou bastante coa música tradicional»

C. CRESPO VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O músico de Bamio, unha das novas promesas do folk galego, presenta o sábado en directo en Vilagarcía o seu primeiro disco, «Aughas mortas»

21 may 2021 . Actualizado a las 20:35 h.

Moito vai dar que falar Joel Padín na escena da música tradicional galega. Poucos músicos teñen espertado semellantes expectativas con só 16 anos. Hai uns meses publicou o seu primeiro disco, Auhgas mortas, no que leva ao seu terreo pezas tradicionais recollidas por Carlos Rey. O sábado, ás 12.30 h, terá a oportunidade de presentalo en directo na praza da II República, nun concerto no que estará acompañado por Ruben Fernández (acordeón), Iván Barreiro (guitarra). Miguel Anxo López (percusión) e Carlos Rey (percusión e gaita). «Estou xa moi impaciente», confesa.

 -Un concerto en Santa Rita. Se cho din hai un ano...

-Cuidao, eh!! (ri). Eu tiven moitas dúbidas mesmo á hora de sacar o disco polo tema do covid. Despois, tiven que atrasar un par de veces a presentación. Pero mira, chegou o día. E non podía ser mellor. Ademais, sei que non teño que ter présa. Teño 16 anos e moito camiño por percorrer.

-Quen son os teus principais referentes?

-O meu referente por excelencia sempre foi Davide Salvado, aínda que nos últimos anos Xabier Díaz está collendo moita importancia no que se refire aos meus gustos tradicionais.

-Está a música tradicional reconectando coa mocidade?

-Sempre me gusta contar isto. Entre os meus compañeiros de clase, no instituto de Carril, hai polo menos oito rapaces que tocan algún instrumento tradicional. Iso significa que si que estamos bastante conectados con esta música. E de feito facemos a veces pequenas bandas con gaitas e con pandeiretas para facer algún homenaxe a algún profesor que se xubila e cousas así. No meu instituto hai moita xente que xa colleu entradas para ir ao meu concerto.

-Sempre utilizarás pezas de recolleitas ou animaraste con repertorio propio?

-Sempre tiven idea de recoller. Incluso fixen eu algunha recolleita pola miña conta. Pero si que pensei varias veces en, quizá non compoñer, pero si facer adaptacións dentro das melodías tradicionais. De feito, creo que o sábado a xente vai sorprenderse bastante. O directo é bastante diferente ao que facemos no disco.

-Lembrando o teu pasado televisivo, sénteste un «Pequeno fenómeno»?

-(Rí). Estaría mal que o dixera eu.

-Dixoo Super Piñeiro cando publicaches o disco.

-A verdade é que Piñeiro sempre está a tope comigo. Estoulle moi agradecido. Sempre está aí para axudarme no que poida.

-Descubriches xa algo no mundo da música que non che guste?

-Algo que está moi presente no mundo tradicional e que aínda non entendo moito é a envexa. Xa mo avisaran dende pequeno pero nunca o chegara a entender ata agora.

«O que está a facer Baiuca paréceme moi importante»

-Que vén a aportar Joel Padín, que traes de novo?

-A ver, este proxecto comezou coa idea de publicar un disco totalmente purista. Sen ningún tipo de acompañamento máis que percusións tradicionais. Pero despois metinlle a guitarra e vin que soaba xenial. E máis tarde o acordeón e o clarinete. E ao final quedou unha mestura entre a frescura e a xuventude que lle podo dar eu o tradicionalismo que lle pode aportar Carlos (Rey), co cal creo que pode gustar a todos.

-Que che parecen esas propostas que están mesturando o tradicional coa electrónica como Baiuca ou o novo de Tanxugueiras?

-Eu respecto todas as opinións. Ese tipo de música a min encántame. Todo o que sexa darlle visibilidade e achegar a nosa música a outros públicos paréceme moi importante. A verdade é que Baiuca, as Tanxugueiras ou o novo que fixo Xisco Feijoó gústanme moito. E atraeron ao mundo da música tradicional a moitísima xente moza.

-Vaia, ao mellor no seguinte disco acabas ti tamén meténdolle un pouco de electrónica.

-Eu son unha persoa á que lle gusta moito experimentar. Aínda que non o expoña publicamente e non faga pistas con este tipo de cousas, si que me gusta mesturar e fusionar. Entón, quen sabe? A verdade é que é algo que sempre tiven na cabeza pero de momento quero seguir pola rama tradicional. E máis agora, que acabo de comezar.