A Deputación plantexara hai uns días a constitución dunha comisión de traballo
03 feb 2021 . Actualizado a las 21:05 h.Adro Vello volve a ser obxecto de debate político, e benvido sexa este se dunha vez por todas trae aparelladas medidas reais e eficientes para a conservación do xacemento do Carreiro (O Grove). Despois de que a pasada semana a Deputación lanzase a idea de formar unha comisión de traballo para a protección deste espazo arqueolóxico, a Xunta de Galicia anuncia que «está a ultimar os trámites que permitirán incoar o expediente para declarar Ben de Interese Cultural o Adro Vello, un importante ante xacemento arqueolóxico, sito na parroquia de San Vicente, que está fortemente vinculado á tradición xacobea». Así o explicaba un comunicado de prensa no que se argumentaba que «despois de que o conselleiro Román Rodríguez anunciase hai un ano o inicio dos traballos previos necesarios para proceder a declaración BIC, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural están xa rematando o informe que se remitirá aos órganos asesores co fin de que avalíen a consideración deste xacemento como ben sobranceiro para o patrimonio cultural de Galicia e, polo tanto, a pertinencia da súa declaración como Ben de Interese Cultural».
Segundo explican, en canto se reciba o informe, e sempre no caso de que «os órganos asesores así o ditaminen», «procederase a tramitar a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de incoación do procedemento para declarar BIC o Adro Vello». Deste xeito acadaríase «a súa protección inmediata ata a súa declaración definitiva», aínda que habería que definir en que consistiría dita protección.
Segundo recalca a Xunta, «a incoación deste BIC reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade, como tamén o demostran os 70 bens que foron declarados BIC desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016».