A elite arousá pídelle ao 2021 saúde e poder volver probar a súa valía

AROUSA

Mónica Irago

Portela, Veloso, Oubiña, Lois, Campos, Touriño e Meaños brindan por deixar atrás o 2020

06 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns tiveron a sorte de poder competir, mesmo ata completar o calendario de referencia do seu deporte. Os máis deberon resignarse a un 2020 completamente en branco, cun desgaste psicolóxico coma nunca antes nas súas carreiras, obrigados a seguir adestrando sen posibilidade desa loita cos rivais que dá sentido, e ás veces cumprida recompensa, á maridaxe do seu talento e traballo. La Voz de Galicia falou con algúns dos deportistas de elite arousáns do annus horribilis que vén de quedar atrás e dos seus desexos e esperanzas para o 2021 que acaba de comezar aproveitando o paso das súas Maxestades de Oriente. Tras un 2020 que nunca esquecerán, a saúde e a confianza na próxima chegada dunha nova normalidade que lles permita volver probar a súa valía dominan nos seus brindes polo novo ano.

Teresa Portela confiaba en poder asaltar o pasado verán ese podio olímpico que se lle resistíu nas cinco últimas edicións dos Xogos. Pero lle tocou vivir «un año vacío», sen unha soa competición. «La cancelación de unos Juegos Olímpicos en un principio sería impensable. Si pasó es porque realmente ocurrió algo muy grave en el mundo», di a padexeira canguesa afincada desde hai anos no Grove co seu marido, o meco David Mascato, e a súa filla, Naira.

«Jamás pude imaginar que estaríamos confinados, en casa sin poder salir». Unha circunstancia que Portela levou mal nun primeiro momento, sentindo «decepción y tristeza en el momento de posponerse los Juegos», pero que deu paso a unha segunda fase, na que «me lo tomé de manera optimista y viví lo que era poder estar con la familia, disfrutando de estar con David y con mi hija» despois de «muchísmos años que no tenía todo el tiempo del mundo para estar en casa». A cinco veces olímpica pídelle ao 2021 «salud, para mí, para los míos y en general, y que poquito a poco podamos volver a una normalidad. Y en lo deportivo, que traiga éxitos y momento especiales».

«Saúde e ser feliz». Este é o desexo de Gustavo César Veloso para o novo ano. E iso que no seu caso, «con todas as circunstancias, fago un balance moi bo do 2020, gocei adestrando e o pouco que corrín. Tiven moi boas sensacións e conseguín acadar o meu nivel de novo». Agora, despois da tempada na que «máis adestrei e menos corrín» nos seus 20 anos de profesional, apunta, confía en «seguir gozando da familia, dos amigos e do traballo» no ano da súa despedida do gran pelotón.

En parámetros similares a Veloso se moveu o ano pasado Lara Lois. Con contadas carreiras de BTT nas que volveu asinar grandes resultados, consolidada entre as mellores especialistas de España, de aí que o seu balance do curso pasado «dadas as circunstancias foi positivo». ¿Qué lle pide ao 2021? «Por enriba de todo saúde para todos e o fin desta situación para volver á normalidade».

Veciños do Grove como Lois, Tono Campos e Andrea Oubiña ben poden ser a cara e a cruz da mesma moeda no deportivo no ano que vai xa aló. O mellor canoísta español de maratón de todos os tempos quedou, como Teri Portela, a 0. Por iso, non é de estrañar que diga do 2020 que «mellor non recordalo» e anhele con todas as súas forzas «que pase a pandemia, poidamos volver á normalidade e competir». Andrea Oubiña, a remeira máis laureada de España no banco fixo, afirma que «dentro do que cabe, non me podo queixar. A miña familia está toda ben, tiven traballo e no tema deportivo puidemos competir». No seu caso, de volta á Liga Euskotrén tras unha tempada sabática, enrolada na bancada de Donostiarra, na que rematou subcampioa. Despedido «ao ano máis raro e difícil ata o momento» da súa vida, encarga «saúde para todos» e «poder pasar máis tempo cos meus e que poidamos volver gozar das cousas como antes» no 2021.

Desde marzo do 2020 Mónica Touriño está pendente de continuar refrendando a calidade da mellor canicrosser española de historia. Superado «o ano da incertidume e da adaptación», o maior agasallo que podería recibir, di, é «estabilidade» en todos os aspectos, e no deportivo, «poder afrontar unha tempada completa sen continuos cambios».

Pero se para alguén houbo un ano especialmente duro na súa especialidade, esa é Raquel Meaños. Unha rotura de fibras no sóleo, primeiro, e un edema óseo nunha rótula impedíronlle competir «y prácticamente no pude entrenarme más de dos semanas seguidas», conta. Saíndo inda da segunda lesión, declara que «creo que a pesar de todo recordaré este año con cariño. Me hizo aprender mucho, a valorar aquellas cosas que antes daba por supuesto iba a tener siempre, a pasar tiempo con los míos y recuperar aficiones olvidadas». Ao 2021 «le pido que termine con la pandemia y volvamos a tener nuestras vidas de antes», celebrando o vindeiro Nadal «con todas las personas que cerraron conmigo el 2020».