Os nenos poderán visitar os Reis Magos en Fexdega desde este sábado e ata o martes

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

cedida

Para poder ter cita con Melchor, Gaspar e Baltasar, cómpre reservar cita

01 ene 2021 . Actualizado a las 23:10 h.

O corredor de entrada do recinto feiral de Fexdega (Vilagarcía) acollerá desde este sábado e durante catro días a recepción aos Reis Magos, unha actividade deseñada con todas as medidas de seguridade para evitar calquera risco de contaxio e como alternativa á tradicional cabalgata. A día de hoxe xa está completo máis da metade do aforo (1.880 prazas), de xeito que os interesados aínda teñen marxe para facer a súa inscrición. As prazas da tarde do día 5 están esgotadas, pero aínda quedan moitas para o sábado 2, domingo 3 e luns 4.

As recepcións serán de 16 a 21 horas e o domingo de 10 a 14 horas. Estableceranse quendas cada media hora e recoméndase que os pais e os seus fillos cheguen dez minutos antes. En Fexdega habilitaranse dúas colas que, unha vez dentro, converteranse nunha soa ringleira. Entón, os nenos chegaranse ao Rei que lle corresponda e poderán charlar con el, entregarlle a súa carta e mesmo facerse unha fotografía. Na entrada haberá xel hidroalcohólico e unha constante desinfección do recinto, especialmente decorado para a ocasión. Paxes, monitores e membros de Protección Civil velarán porque todo transcorra con normalidade.

As inscricións deben realizarse a través da web reismagosvilagarcia.org. Ten carácter gratuíto e cada adulto pode inscribir ata cinco nenos ou nenas. As entradas son nominativas e serán esixidas ao entrar en Fexdega. Incumprir esta norma, non usar máscara ou non manter a distancia significará a anulación da visita, segundo informa Ravella.