«A Illa non é un cemiterio de barcos», protesta o patrón maior

b. c. A ILLA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Juan Rial Millán manifesta o seu malestar por que inda non se retirasen do Xufre o veleiro e o iate accidentados

29 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O 5 de decembro afundiuse un antigo veleiro na dársena do Xufre (A Illa). Vinte días despois aparecía varado no Naval o Norda, un buque de investigación de dous paus reconvertido en iate. Onte, ámbalas dúas embarcacións seguían no mesmo sitio á espera de seren reflotadas para trasladadas a outro lugar.

O patrón maior da confraría da Illa, Juan Rial Millán, non agocha o seu malestar por esta situación e reclama ás autoridades competentes que actúen de inmediato. «A Illa non é un cemiterio de barcos, hai que sacalos xa».

Rial argumenta que estas embarcacións representan un perigo para a navegación «e se chega a pasar algo, quen se vai facer responsable?», pregúntase. No primeiro caso, o barco foise a pique coincidindo cunhas fortes chuvias e tendo en conta que tiña unha vía de auga, quedando só á vista un cacho do seu pau maior. Salvamento Marítimo procedeu o domingo 6 a sinalizar a zona con boias e limpar unha mancha de combustible, pero na confraría da Illa consideran que non é suficiente e alertan dun posible accidente marítimo. Desde Portos de Galicia informaron de que estaban a facer xestións para localizar ao dono da embarcación -que non reside na Illa- e instalo a que proceda á súa retirada, pero pasadas tres semanas, nada se moveu no Xufre. En canto ao Norda, Millán teme que un posible vertido de combustible procedente do barco poida chegar a estragar o banco marisqueiro próximo.