
Entendín unha das palabras máis fermosas que existen xa na madurez. Eu viña de ambiente e escola onde se podería falar de caridade ou, se me apuran, de fraternidade, pero solidariedade, esa é a palabra, escoiteina tarde, naquelas estúpidas memorizacións nas que consistía no meu tempo estudar Dereito. Acudir á etimoloxía axudoume a comprender o significado. Solidariedade é unha verba nacida no mundo da construción romana -como in solidum- e fai referencia á transformación dunha argamasa, material diverso, non bloque compacto. Soldar ten a mesma orixe: xuntar materiais para convertelos nun sólido único. Agora, solidariedade é a capacidade individual de actuarmos xuntos, como un todo. E xa que problemas hai a moreas, -a verdade é que botar unha ollada ao mundo dá un pouco de medo-, a forza invencible da solidariedade parece a única arma que pode asegurarnos alcanzar metas no camiño que ten que percorrer a dispar humanidade para saír adiante.
Estamos no século XXI, vivíndoo con realidades antagónicas. Por unha banda, coa potencia de estarmos prodixiosamente comunicados, capaces de chegar aos lugares máis recónditos, empezando a percorrer o Universo e con riqueza suficiente para sermos iguais; pola outra, inzados por tódolos curros, con guerras, matanzas, odios relixiosos e raciais, armas, fuxidos, fame, emigrados, desprazados, discriminados, pobres. Dous mundos nun, coas desigualdades en benestar entre países, individuos e xéneros cada día maiores. E, por máis, esgotamos os recursos naturais -no 2050 farán falta tres planetas para seguirmos neste ritmo de consumo-, degradamos o medio e destruímos a biodiversidade; aumentan as desertificacións e as secas, cada vez hai menos auga doce; increméntase a temperatura global e elévase o nivel do mar. Un panorama desolador ao que hai que enfrontarse xa con optimismo.
Iso é o que propón a denominada Axenda 2030 da ONU con dezasete obxectivos. Son estes: pór fin á pobreza e á fame en todo o mundo e favorecer a agricultura sostible; garantir vida san e benestar en tódalas idades, a educación, a xestión da auga e o saneamento, o acceso a unha enerxía accesible, fiable, sostible e moderna; lograr a igualdade de xénero e empoderar a mulleres e nenas; promover modalidades de consumo responsable, produción e crecemento económico sostibles e inclusivos, traballo decente, sociedades xustas e pacíficas; construír infraestruturas resilientes, lograr que os asentamentos humanos sexa inclusivos, seguros e sostibles; reducir a desigualdade entre países; combater o cambio climático; conservar os mares e os recursos mariños; protexer os ecosistemas terrestres e construír institucións eficaces e que rendan contas.
Gañar estes desafíos durante a próxima década será vital. Só, exclusivamente, poderemos acometelos coa forza da solidariedade, de xeito que cada un contribúa como un bravo soldado, armado de respecto e empatía polos demais. Hoxe é o último Día Internacional do 2020, precisamente o da solidariedade: sexamos de agora en diante un bloque para acadarmos estes obxectivos da década que empeza nuns días. A realidade, máis alá de boísmos, é que non nos queda outra.