Este cambadés leva toda a vida promovendo a música tradicional, desde os camiños aos auditorios
15 nov 2020 . Actualizado a las 18:03 h.A súa biografía ben pode servir de fío condutor para coñecer a evolución da música tradicional galega nos últimos 40 anos. Xaquín Xesteira ten poucos máis, 49, pero é que a súa primeira alborada douna aos catro anos, tocando o tamboril xunto a Os Campaneiros. Era a atracción do grupo. Nunca se vira a un raparigo tan pequeno marcando o paso e de chiquiteo cos gaiteiros nos bares. «Para nós, viño, e para o rapaz, cervexa», dicía con retranca o señor Ramón cando entraba na taberna de San Tomé. Por suposto, Xaquín mollaba a gorxa con Kas.
Daquela era «o fillo de Gesteira e de Pitusa», unha muller esta que non só inculcou o amor pola música aos seus fillos e netos senón tamén a xeracións de cambadeses que pasaron polas súas clases na rúa Isabel II. O que non chegara a imaxinar é que o seu pequeno acabaría na portada dun disco.
Aos quince anos xa pisara moito asfalto e parqué cos grupos Conxuro, Os Carballeiras e o Plantel da Mocidade de Vilariño e tamén exercía de profesor de gaita e percusión en Cambados. No instituto tiña claro que o seu destino non pasaba por universidades nin despachos. Quería dedicarse á música, e conseguiuno. Na casa tiraban máis polo piano, pero aos trece años Xaquín colleu a gaita e xa non a soltou. Primeiro de forma totalmente autodidacta, logo proseguiu a súa formación na escola de gaitas de Vilanova, e, finalmente, no conservatorio. Alí, en Vilanova, cruzouse con Nando Casal, o cal acabaría marcando a súa carreira. Entón, chegar a tocar cos seus ídolos de Milladoiro parecía algo inalcanzable. O 23 de abril de 1993 viu cumprido o seu soño a propósito da presentación de Iacobus Magnus no auditorio de Galicia, onde a Xesteira encomendáronselle as cunchas e a pandeireta. Naqueles anos empezou tamén a fraguarse Treixadura; Xabier Martínez, os irmáns Toniño e Xan López e o cambadés formaron un cuarteto que naceu por e para a música tradicional, sen aditivos nin xogos florais.
Foron quen de subirse ao escenario con polainas e faixa e cantar seguindo o ritmo das baquetas, como se facía un século atrás. Treixadura sacou o seu primeiro disco, Obrigado, e fíxose maior. No 2003 incorporou o orfeón e hoxe suma dezaseis compoñentes e sete discos ás súas costas. O oitavo, que estaba no forno cando apareceu o covid-19, vai ser un traballo moi especial, que conta coas colaboracións da Banda de música municipal de A Coruña, do Coro Cantigas e Agarimos e de Rodrigo Romaní e suporá o colofón a trinta anos de traxectoria. Haberá que esperar a que se calme a situación para continuar con este e outros proxectos nos que Xesteira sempre anda metido. «Non sei dicir que non», confesa, aínda que, o certo, é que a música é a súa vida. Inculcoullo tamén aos seus fillos, Anxo e Roi, que desde pequeniños conviven na casa cunha orquestra ao completo e aprenderon a tocar todos os paus: gaita, frauta, saxofón, guitarra, bombardino, acordeón, piano e todo tipo de tambores e caixas de percusión.
Con 21 e 20 anos, respectivamente, xa levan moitos camiños andados e moitos concertos -tamén a ritmo de rock- e a súa última aventura ten formato de trío, xunto ao seu pai, e preséntase baixo o nome de Os Xesteira. Non podía ser doutro xeito. Xaquín puxo este apelido -que por fin no 2001 logrou plasmar no DNI na súa versión galega- na historia recente da música tradicional, contribuíndo no seu estudo, divulgación e promoción. Fenómenos como o de Treixadura foron un exemplo para moitos grupos que viñeron despois, demostrando así que a canción popular pode conseguir a excelencia nos estudos de gravación e nos escenarios.
A eclosión do folk dos anos oitenta e noventa deixou un legado importante, que arrastra agora a moita xente -non só nenos- a aprender a tocar a gaita e o bombo, «deixando atrás os prexuízos», sinala Xesteira.
Pero a música tradicional non só é cultura, tamén é unha industria, e neste terreo queda moito por facer. «Falta que as institucións crean máis no potencial da nosa cultura como recurso económico. En Galicia poderíamos estar á altura de Irlanda ou máis porque temos unha inmensa gama de estilos e recursos. Falta crer no propio, que o noso é exportable». Xesteira fala de música con denominación de orixe porque, como o albariño, «quen vai facer o noso mellor cá nós».
Currículo
A súa primeira actuación foi con catro anos, cos Campaneiros nas festas de San Roque de Cambados, logo pasou por numerosas escolas e grupos de música, compartiu escenario con Milladoiro e coa Banda de Castrelo e en 1990 fundou Treixadura, onde continúa na actualidade. Ademais é director do Coro Cantigas e Agarimos e forma parte dos Faíscas de Solobeira. Ademais, é profesor da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo desde hai 24 año, publicou o seu propio método de gaita y preside a Fundación SonDeSeu, na que dirixe a sección de gaita e percusión