Da carta a Covid 19

Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MARTINA MISER

Covid, que listo es; xa che collín o truco: ti o que queres é que se manteña a clase política actual

18 oct 2020 . Actualizado a las 13:11 h.

Odiado Covid: que listo es. Xa che collín o truco: ti o que queres é que se manteña a clase política actual . Estás feliz con ela, porque pretendes que non se vaian para a súa casa. Porque ti, coma calquera, dáste conta de que o que se está a ver é unha insensatez permanente. Nunca debestes imaxinarte que unha peste, unha enfermidade como a que ti provocas, puidese ser obxecto de loita política, sen argumentos, descarnada, baseada só nos ataques persoais e empregada como un instrumento para o asalto do poder. Nin se che ocorrería nunca pensar tal cousa. Parecerache, como a min, irresponsable, un día tras outro, que sexas obxecto de diatribas de índole política, sendo unha peste que se estende entre os cidadáns e que, ademais, causa a ruína efectiva dun país. Nin sequera é posible que ti entendas isto. Es sabedor de que hai problemas como as enfermidades comúns, os infartos, o cancro, a SIDA, o ébola que se debaten e se lle busca cura nos ámbitos da investigación científica, nos foros académicos, profesionais, sanitarios. En ningún caso no Congreso dos Deputados. Alí discutirase se dedicar máis ou menos recursos, ou como ordenalos, pero nunca como curar esas enfermidades. Pero no teu caso, que listo es, a iniciativa, o éxito ou o fracaso da loita que temos que manter contra ti debátese en ámbitos parlamentarios. É unha tolería; estarás ledo. Sabes que a túa perdición empezará se a clase política deixa con urxencia todo isto dentro do seu ámbito natural: o médico. A clase política o que tiña que facer nin o fixo, nin o fará. Non o fixo porque, durante lustros, as ideas neoliberais, a nivel mundial, conseguiron desarmar á Sanidade con recortes permanentes. Tiveches sorte niso. A clase política non o fixo porque non articulou un sistema preventivo de sanidade pública, non puxo ao dispor dos médicos equipamentos precisos para loitar eficazmente contra ti; e chega para darse conta diso que lembremos aqueles días de marzo nos que non tiñamos nin embozos, nin respiradores, nin UCIS. Aqueles días nos que se instalaron hospitais de campaña en hoteis e pavillóns porque non existían as instalacións públicas axeitadas. E a clase política non o fará porque sabe desde o pasado xaneiro quen es e que as leis sanitarias están obsoletas contra ti. Iso é do que deberían ocuparse, é o que tiñan que facer os nosos lexisladores e non fan. Tes que ter amigos no Congreso porque non hai ningunha iniciativa para mellorar as leis de sanidade pública. Nada. Estarás radiante porque mentres a clase política se ocupe de ti, camparás por onde che dea a gaña. Convencéstelos subtraendo do seu ámbito natural, o médico sanitario, tódalas medidas que se debían adoptar. En vez de deixar que sexan os responsables sanitarios, os técnicos, os científicos, os expertos os que se ocupen de ti, son os políticos os que usurpan ese espazo para terte contento. E deixan aos técnicos sen iniciativa, sen poder aplicaren os seus coñecementos, manténdoos subxugados polo BOE e polo DOGA en vez de polas investigacións médicas e os coñecementos científicos. Vas gañando, Covid, que listo es.