O Asmubal choca coa dura realidade e sofre a súa primeira derrota en Prata

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A veteranía do Lavadores apagou a boa saída á cancha das de Luis Montes

06 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Do doce sabor da vitoria na casa unha semana antes no regreso á División de Honra Prata, ao difícil trago de descubrir a facilidade coa que un bo comezo de partido se pode torcer ata acabar co xeonllo dobrado en terra. O Asmubal Meaño completou o pasado sábado a segunda xornada da Liga de División de Honra Prata Feminina 2020/21 estreando o seu casilleiro de derrotas. A mans dun Lavadores Vigo con ganas de compensar os -2 puntos de sanción que viña de recibir do Comité Nacional de Competición da Real Federación Española de Balonmán por non presentarse ao seu encontro da xornada inaugural na cancha do Lanzarote por temor a contaxios de covid-19 e a unha corentena obrigada en terras canarias.

Co triunfo sobre o Siero asturiano da semana anterior animando inda o vestiario meañés, as xogadoras de Luis Montes completaron o primeiro cuarto de partido en Vigo dando a sensación de poder conquistar outros 2 puntos. Cunha defensa moi sólida e, inda sen poder correr como sete días atrás, con moita mobilidade para encarar o 6-0 do Lavadores. O resultado, un prometedor 5-8 mediada a primeira parte. Só a actuación de Uxía Ferreiro, a porteira local, conseguía frear o avance do pé no acelerador do cadro do Salnés.

O que noutro partido podería ter quedado nun mero apuntamento rematou sendo a panca de lanzamento na que se impulsou o Lavadores. A seguridade proporcionada pola súa gardamallas deulles a marxe necesaria ás súas compañeiras para axustar o 6-0 e cortar a fluidez do ataque do Asmubal; minimizando a desfeita causada pola brasileira Cárol Ferreira -9 goles na tardes- no seu xogo de cortes tras a defensa rival.

Tras asumir o mando do electrónico no último cuarto de hora previo ao descanso, ao que se chegou con 14-13 para o Lavadores, o conxunto vigués volveu de vestiarios con intención de resolver pola vía rápida. Tirando da experiencia das súas xogadoras máis veteranas, anulando o carril central cara a portería olívica, o equipo anfitrión disparouse no partido, que dominaba a pracer no minuto 40: 22-15.

Vendo que os minutos pasaban e a dinámica non variaba, Montes apostou por unha defensa 4-2 á desesperada. E a piques estivo o Asmubal da terra prometida, cun parcial de 0-5 que o situou só 2 abaixo a falta de 4 minutos e 21 segundos, aproveitando as rotacións viguesas e 2 minutos de superioridade numérica pola exclusión de Andrea Cadenas. O técnico do Lavadores devolveu á pista as súas xogadoras con máis mili nas pernas e na cabeza, e estas puxeron fin á rebelión meañesa.

?

FICHA DEL PARTIDO:

LAVADORES VIGO (30): Uxía Ferreiro, Eva Costas (1), Marta Díaz, Anabel Gil (4), Laura Piñeiro (5), Carmen Pereira (5) y Andrea Cadenas (3) -septeto titular-; Sandra López, Lucía López (4), Candela Franco, Marta Rodríguez, Ana Benavides (6), Zara Barrios (2) e Iria García?

ASMUBAL MEAÑO (24): Lorena Ligero, Andrea Cores (1), Sabela Miniño (1), Lorena Barreiro (6), Anabel Otero, Julieta Sofía y Cárol Ferreira (9) -septeto titular-; Ariana Vázquez, Lara Castro (1), Laura Miniño (4), Sara Estévez, Victoria Domínguez (2), Vanesa Domínguez, Samar Rodríguez, Andrea Barreiro e Laura Rivas 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-3, 3-5, 5-8, 10-9, 12-10, 14-13 (resultado ao descanso); 17-13, 21-15, 22-17, 24-18, 25-22 e 30-24 (resultado final).

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Pablo Castellanos E Santiago Piñera. Castigaron con 2 minutos as xogadoras locais Andrea Cadenas, Eva Costas, Carmen Pereira e Anabel Gil e a visitante Vanesa Domínguez.

O domingo tocará viaxar a Lanzarote, o mesmo día do partido

O adestrador do Asmubal Meaño, Luis Montes, sinalaba á maior veteranía do Lavadores como o factor que decantou o partido. Non tanto pola capacidade das balonmanistas do cadro olívico como pola falta de experiencia das xogadoras do Salnés: «A semana anterior houbo a sorte de que iamos 12 arriba e non notamos o foxo no medio do partido. Vernos abaixo no marcador afectounos moito e elas, pola contra, souberon manexar moi ben o ritmo nun partido así». Aprendida a primeira lección na volta á D.H.P. Feminina, o Asmubal viaxará o domingo a media mañá a Lanzarote para medirse ese mesmo día ao equipo da illa desde as 19 horas.