«Non durmín ben, pero o importante é que os nenos non levaron un susto»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Veloso retomou o adestramento só un día despois do roubo de 2 bicis na casa

26 may 2020 . Actualizado a las 22:36 h.

«Non durmín ben esta noite. Ao final, é o normal». Gustavo César Veloso continuaba onte asimilando o golpe de descubrir na mañá do domingo que alguén saltara o muro exterior da parte traseira da súa vivenda familiar en Vilagarcía para acceder ao seu patio e roubarlle dúas bicicletas, unha delas coa que corre no pelotón profesional, ademais de material mecánico e tecnolóxico de alta gama. Ferramentas cun valor conxunto por riba dos 10.000 euros, indispensables para o seu traballo diario. Ese co que Gustavo contribúe a facer pedalear a economía dunha familia a base de golpes de riles, chova, vente ou caian os paxaros do ceo.

«É como se a un taxista lle rouban o taxi. Róubanlle a ferramenta de traballo». Así se atopou Gustavo César cando na mañá do domingo se dispoñía a saír adestrar «e cando fun pola bicicleta, non estaba. Fun mirar fóra da casa para ver se alguén a deixara fóra para gastarme unha broma, pero entón vin que o arame que temos na parte superior do muro da casa estaba medio arrincado». Foi nese momento no que se decatou do que acontecera. Tocou entón proceder á correspondente denuncia policial, coa policía científica personándose en cuestión de horas no lugar para facerse con todos os datos posibles, pegadas dixitais incluídas, de cara a atopar o ladrón ou ladróns. Un labor ao que Veloso contribuíu preguntando entre os negocios da zona por calquera vídeo do que poidan dispoñer da noite de autos, por se se aprecia algún vehículo transportando bicicletas no seu interior.

O bicampión da Volta a Portugal colgou na súa páxina de Facebook fotos das bicicletas roubadas, advertindo de que se trata de modelos exclusivos. Unha maneira de alertar os posibles compradores de que se trata de obxectos roubados. Unha publicación compartida por moita xente do ciclismo, o que quizais axude a facer desistir o ou os autores do roubo, e que deixen o seu botín nalgún espazo público para que poida volver ás mans das que non deberon saír.

Máis aló do quebranto que supón perder un día de traballo -onte volvía adestrar coa axuda dalgún material prestado- «o responsable da bicicleta son eu», sinala Gustavo, polo que de non aparecer a montura do W52-F.C. Porto coa que compite no pelotón profesional, ao termo da tempada «terei que negociar co equipo», toda vez que o seguro da súa vivenda familiar non cubre o roubo.

Con todo, e sen negar «as voltas que che dá a cabeza» nas primeiras horas recordando os 15 anos que levan vivindo na mesma casa, coas bicicletas gardadas no mesmo sitio; o ciclista declara que tenta «ser positivo. O importante ao final é que estamos todos ben, e que nin os nenos -os seus dous fillos menores- nin ninguén -a súa muller e el mesmo- levou un susto», ao producirse o roubo sen que ninguén na casa se decatase da incursión nocturna. «Imaxínate que un dos nenos se levantase a tomar un vaso de auga, e vira desde a cociña a alguén roubando as bicis...», reflexiona Gustavo.

Dito isto, e consciente de que recuperar o material «non depende de min», o gañador dunha Volta a Catalunya e dunha etapa da Vuelta a España tira de libro de vida: «Despois de caer da bici e de me levantar tantas veces nestes 20 anos, o deporte dáche leccións para superar situacións que che trae a vida». Pasado o mal trago inicial, Veloso quédase con que «son cousas que pasan. Fode, pero non vou estar lamentándome polas esquinas». El mira para adiante. Iso si, di, «xa tomei medidas para que isto non volva ocorrer».

Coa vista no regreso á competición a finais de xullo

Por fortuna, a Gustavo non lle levaron todo o material de traballo que tiña no recinto da súa vivenda. A cabra, nome co que se coñece a bicicleta de contrarreloxio, coa que compite no pelotón profesional seguía na mañá do domingo no mesmo sitio. Tamén tres bicicletas desmontadas. Incluída unha da súa etapa no Andalucía, equipo co que competiu no gran pelotón a comezos da pasada década, e que usa nos inicios das pretempadas mentres non lle chega a nova montura que cada ano desde o 2013 lle proporciona o W52-F.C. Porto. Unhas bielas que lle prestou o seu excompañeiro de filas Ángel Sánchez permitiulle a Veloso saír onte á tarde de novo á estrada mentres agarda a que o seu equipo lle mande unha bicicleta de reposto. En mente, continuar a posta a punto para o reinicio da tempada a finais de xullo, coa Volta a Portugal arrincando o 29 dese mes.