Vilagarcía sumouse á festa virtual celebrada polo Concello, e en moitas casas a rapazada fixo as súas propias composicións
02 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A dos maios é a festa da primavera. Do renacer da natureza. Das flores, dos pampullos, de ledicia e da retranca escondida nas letras que se cantan. A dos maios é unha desas tradicións que tanta falla nos fan en tempos escuros coma estes. Porque agora que iniciamos a desescalada, todos somos un pouco coma o maio que agroma tras un longo peche na casa. Quizais todo isto que lles conto teña algo que ver con ese «éxito brutal» que, segundo a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, tivo o certame virtual da Festa dos Maios, con nada menos que trescentos participantes. Todos achegaron as súas creacións ao Concello, que as publicou a través das súas redes sociais. Na maior parte dos casos, os traballos presentados ao concurso foron debuxos elaborados por menores de catorce anos (274), aos que hai que sumar unha trintena de coplas enviadas polos maiores. Todos os participantes empezarán a recibir nas súas casas, a partir do vindeiro luns, ás roscas prometidas polo Concello. Dende o departamento de Cultura están máis que satisfeitos de como se desenvolveron os actos a través das redes. Á unha e media celebrouse un evento en Facebook presentado por Carlos Crespo no que artistas locais e membros de agrupacións folclóricas cantaron e recitaron as mellores letras. Así, Dani Barreiro e María Bermúdez (Cantareiras Bulideiras) puxeron voz a algúns textos. Tamén se emitiron vídeos de cancións de maios que outros colectivos como o dos alumnos do colexio da Escardia, ou un grupo de mozos e mozas rapeiros.
Tamén foron moitas as familias que nos remitiron as imaxes das creacións feitas na casa. Unha boa demostración de que, con confinamento ou sen el, as nosas tradicións teñen moito futuro. Pasen e vexan os nosos maios.