«Se se ten que suspender a Volta, valoraría se correr un ano máis»

Ciclismo Gustavo César Veloso tira de rodillo para tentar conservar o máximo o seu estado de forma previo a un confinamento que podería retrasar a súa retirada


vilagarcía / la voz

«Neste momento sigo tendo claro que quero retirarme este ano. Pero non me gustaría deixar a bicicleta sen correr un ano enteiro, o meu ano número 20 como profesional». A paralización practicamente total do mundo do deporte a nivel mundial por causa da expansión do coronavirus COVID-19 está a abrir un novo horizonte na cabeza de Gustavo César Veloso. O ciclista vilagarcián, campión dunha Volta a Catalunya, dunha etapa da Vuelta a España e de dúas edicións da Volta a Portugal, anunciara no inicio da tempada 2020 que esta sería a última da súa fértil carreira como profesional, redondeando as dúas décadas no gran pelotón. Agora, desde o confinamento na súa casa de Vilagarcía, que vive coa súa muller e cos seus dous fillos, o corredor do W52-F.C. Porto abre a posibilidade de prorrogar a súa traxectoria, coa Grandíssima como elemento decisorio: «Eu non quero pospoñer a miña retirada. Pero se por esta situación excepcional -en referencia á crise mundial pola pandemia do COVID-19- se ten que suspender a Volta a Portugal, valoraría se correr un ano máis». Unha decisión na que, subliña, debería escoitar o que tivesen que dicir ao respecto tanto a súa familia, como o seu equipo.

Veloso, coñecido no mundo ciclista galego-portugués como O Avó -o 29 de xaneiro cumpríu 40 anos- leva desde o día 8 sen competir. Concretamente, desde a Clásica de Primavera, proba dun día, na que sufríu unha caída a uns dez quilómetros da meta «cando iamos oito corredores diante para disputar a vitoria. Por iso sei que comezaba a estar ben», di, inmerso nunha preparación enfocada «para estar ben o mes que vén», coa Volta a Turquía abrindo un treito do calendario no que o arousán confiaba en poder sacar tamén o mellor do seu talento, calidade e clase nas voltas a Castela-León e a Madrid. Ningunha delas se poderán disputar, a lo menos non nas datas fixadas a comezos de ano no calendario de competición.

O sábado 14 foi o último día no que Veloso saíu a adestrar polas estradas. Ao día seguinte, o primeiro do confinamento ordenado polo goberno central de España no seu decreto de estado de alarma, o vilagarcián debía ter corrido a Clásica da Arrábida, e na semana que onte concluía, o calendario situábao co W52-F.C. Porto nunha das grandes citas do ano ciclista en Portugal, a Volta ao Alentejo, do mércores 18 ao domingo 22.

«A UCI -Unión Ciclista Internacional- paralizou a competición todo o mes de abril. Estamos nun momento no que non sabemos que vai pasar. Moitas das carreiras que se suspenderon van tentar reprogramarse, alongando a tempada un mes máis, ata finais de novembro», prevé Gustavo.

Así as cousas, o seu empeño é traballar cos medios ao seu alcance «para perder o menos posible a miña condición física, non ter que comezar despois de cero. O que quero é que os cinco meses de adestramento que levaba non se caian pola borda», declara o profesional vilagarcián.

Os condicionantes do rodillo

«Teño a sorte de vivir nunha casa con finca», di Gustavo. Con todo, o groso do seu adestramento céntrase no traballo sobre o rodillo, cos seus condicionantes: «Antes do confinamento eu estaba a adestrar unhas 20-25 horas semanais en estrada. No rodillo fago 14, un máximo de 2 ao día». E non por que non queira. Veloso explica que «o traballo no rodillo non ten a mesma refrixeración. Na estrada o aire contribúe a refrixerarte, cousa que non pasa no rodillo, no que o pulso, co mesmo esforzo, vai a un ritmo entre un 5 % e un 10 % máis alto que ao aire libre». E ademais, «psicoloxicamente é inviable facer 5 horas diarias en rodillo», privado dos descansos mentais que lle reportan ao cerebro a sucesión de reaccións ao percorrido aberto.

A este condicionante o corredor do W52-F.C. Porto suma unha pequena lesión que non lle permite «adestrar todo o que debera». Unha bursite trocantérea na cadeira esquerda por repetición, froito de sendas caídas nas clásicas de Apertura e de Primera, e durante un adestramento.

Moi preocupado pola saúde dos seus pais ante a propagación do coronavirus

Non só as súas novas condicións de adestramento e a súa lesión de cadeira están a lastrar a conservación do estado de forma de Gustavo César Veloso. O ciclista vilagarcián convive coa preocupación pola propagación do coronavirus. Preocupación por todos os seus, comezando polos seus fillos e pola súa muller. Pero cun punto maior no tocante aos seus pais, por tratarse de persoas de risco. Sobre todo o seu proxenitor, un home de 76 anos que, conta Gustavo, «é alérxico, asmático e ten EPOC».

É por iso que son os fillos, Gustavo entre eles, os que se encargan de evitar que teñan que romper o confinamento xeralizado que a lo menos un membro de cada fogar debe interromper nalgún momento para desprazarse a comprar nalgún punto de abastecemento de alimentos e outros bens de primeira necesidade.

Limpeza extrema

Consciente da seriedade da situación, Veloso e os seus irmáns extreman as medidas de precaución. Ata o punto de proceder a unha desinfección total dos alimentos con sistemas dos que calquera pode tomar nota: «Unhas mazás, por exemplo. Eu non sei quen puido parar antes diante, e quizais esbirrar. Por iso, cando chego á casa, métoas nun balde, lávoas ben con lixivia, e cólgoas dunha rede onde lles dea o aire durante dous ou tres días antes de comelas». Outro exemplo é o pan, que Gustavo pon ou manda quentar no forno a 200 graos durante un minuto antes de que os seus pais o coman. Modos de proceder que ben deberamos converter todos en hábitos na guerra contra o COVID-19.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Se se ten que suspender a Volta, valoraría se correr un ano máis»