O Arousa perde a Julio a lo menos un mes, e cruza os dedos con Jorge Sáez

O vilagarcián ten fracturado un cóbado, e o seu compañeiro sométese hoxe a unha ecografía para confirmar ou descartar unha rotura de fibras


vilagarcía / la voz

Fractura do olécranon do cóbado esquerdo. A radiografía á que se sometía Julio Rey a primeira hora da noite do domingo no Hospital Quirón Domínguez de Pontevedra non deixa lugar á dúbida. As mostras de dor do dianteiro vilagarcián, retirado no minuto 26 do partido que enfrontou o Arousa co Deportivo Fabril no Campo Municipal de Vilaxoán, eran o fiel reflexo dunha lesión de consideración, que sufría ao quedárselle trabado o brazo no salto co porteiro e un defensa do filial herculino, lembraba onte o propio futbolista.

Julio Rey, un habitual no once de Rafa Sáez, explicou que será baixa no equipo a lo menos un mes, se non algo máis. «De momento debo permanecer tres semanas con el brazo escayolado en 90 grados», informa, engadindo que «no podré hacer prácticamente nada» nese tempo pola forma, en ele, na que lle foi inmobilizada a extremidade, non só a articulación fracturada. Un tempo de inactividade que deberá recuperar coa competición de novo relanzada tras a conclusión do receso do Nadal, precisamente o pasado domingo.

As consecuencias negativas do empate sen goles do Deportivo Fabril poden mesmo multiplicarse para o Arousa. Hoxe está previsto que Jorge Sáez se someta a unha ecografía que determine o alcance do problema muscular que obrigou o mediapunta a retirase ao pouco de reiniciarse o choque co filial herculino, no minuto 48. «En principio, como mínimo, sofre unha pequena contractura na parte media do isquiotibial», sinalaba onte o adestrador do Arousa, Rafa Sáez. O problema será se a proba médica determina unha rotura de fibras e, de ser así, o grao da mesma.

No mellor dos casos, que o de Jorge Sáez quedara nun susto, con marxe para recuperarse fisicamente ao longo da presente semana, o técnico arlequinado terá que completar cun segundo xuvenil a súa vindeira convocatoria, a deste domingo no sintético do Baltasar Pujales fronte ao Rápido de Bouzas.

Ante o Deportivo Fabril, Rafa Sáez contou cos dezaseis efectivos xustos, incluído o xuvenil Raúl Martiñán, desde o inicio da Liga un máis do primeiro equipo pese a contar con ficha no conxunto canteirán. Ao adestrador do Arousa faltáballe o sancionado Pedro García, máis un Sidibé que segue pendente de rematar de coller o estado físico preciso para comezar a entrar na competitiva dinámica de xogo da Terceira División, e Cissoko. Deste último, do que o club segue sen saber nada tras non volver á disciplina do equipo o día 2 logo das vacacións do Nadal, Rafa Sáez comentaba onte que «xa non é xogador do Arousa máis ca a efectos federativos». Así as cousas, e con Pedro Beda vendo o seu quinto cartón amarelo da tempada o pasado domingo, o técnico pontevedrés mesmo podería ter que tirar dun terceiro xuvenil para Bouzas, en función do resultado da ecografía a Jorge Sáez.

«Estes días non foron bos, con tantos festivos. Pero a partir de mañá -por hoxe- reactivaremos a busca», conta Rafa Sáez sobre uns reforzos que, tras a lesión de Julio Rey, entende preciso acelerar. «Fundamentalmente un dianteiro», di o adestrador, toda vez que a fuxida de Cissoko deixa a Pedro Beda como único punta do cadro de persoal arlequinado, e sen alternativa para situacións como a desta semana. Un recambio que se busca conscientes ao mesmo tempo na Lomba da urxencia de apuntalar o equipo, pero tamén de acertar na fichaxe, co 31 deste mes pechando o mercado de inverno.

O equipo pasa a contar con Vilaxoán como campo de adestramento os mércores e xoves

Cun cadro de persoal tan curto, sen un segundo punta tras a marcha de Cissoko sen explicacións do xogador e con Pedro Beda sancionado esta semana por acumulación de tarxetas, a lesión de Julio Rey non fai máis ca elevar a dificultade de Rafa Sáez para preparar o derradeiro partido da primeira volta contra o Rápido de Bouzas cun once na cabeza. Se finalmente Jorge Sáez se cae tamén para o vindeiro partido, o técnico do Arousa tan só contaría con Javi Otero, con Suso e con Róber Fernández para a liña de ataque; co primeiro apuntando a nove, ou a falso nove, papel que xa desempeñou nas xornadas dúas e tres, na sanción de dous partidos a Pedro Beda pola súa expulsión no partido de apertura da Liga, con Cissoko sen ficha federativa inda debido ao retraso no tránsfer que debía cursar a Federación de Fútbol de Xibraltar. Con todo, Rafa Sáez sinalaba que a día de onte «non temos nada concretado para o vindeiro partido», abrindo mesmo a porta á posibilidade dun «cambio de sistema» ante a falta de pezas para montar o mecano.

O Arousa iniciará mañá a súa nova semana de traballo, tras non facelo no Día de Reis. Un regreso con estrea, xa que desde hoxe o Campo Municipal de Vilaxoán é o novo escenario de adestramento do equipo arlequinado todos os mércores e xoves. O Manuel Jiménez de Fontecarmoa, no que viña facendo todas as súas sesións de adestramento desde hai anos, en moito peor estado de conservación co vilaxoanés, será empregado desde agora polos de Rafa Sáez tan só os luns, nas sesións de recuperación, e os venres.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Arousa perde a Julio a lo menos un mes, e cruza os dedos con Jorge Sáez