Da moeda xacobea de Adro Vello

AROUSA

CEDIDA

Chega un novo Ano Xacobeo, cun manancial de subvencións que poderían aproveitarse para mellorar este entorno grovense

05 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha extraordinaria, e afortunada, casualidade que se topase en Adro Vello a única moeda que ten labrada unha imaxe da Traslatio. Podería ter aparecido noutro sitio, pero descubriuse no Adro Vello. Precisamente nese lugar que, se tal ocorreu, contemplou a singradura do barco cos restos de Santiago do mesmo xeito que presenciou tódalas arribadas á Ría de Arousa para comerciar, asolar ou rezar en Santiago. Foi un achado importante non só polo simbolismo de seu, senón pola propia peza, única, duns trece milímetros de diámetro. Foi fundida en prata e cobre e acuñada en Compostela durante o reinado de Fernando II, rei de León e Galicia entre 1157 e 1188 e sepultado na catedral de Santiago. No anverso, debaixo da inscrición S.Iacobi, vense tres figuras a bordo dun barco; dous bustos sedentes en popa, os discípulos Atanasio e Teodoro e unha cabeza deitada na proa, o apóstolo Santiago. Trátase da representación numismática da Traslatio a Compostela do corpo do Zebedeo dende Xerusalén. Ademais do feito que conmemora, esta peza é unha fonte para estudar o tipo de barco representado nela e así o fixo o profesor Alonso Romero, especialista en navegación histórica, que ve unha nave construída a calime, cun mastro rematado nunha cruz, mascarón de proa ao xeito viquingo e mascarón de popa; fai observacións en canto á carpintería en escarva, con peculiaridades nas enxivas ou unión das táboas; conclúe que se trata dun barco de carga da época. Juan Ventura Martínez, párroco de San Vicente, tivo a feliz idea de pedir unha reprodución en pedra desta moeda, que esculpiu a Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra. Loce, como para culminar o traslado da igrexa vella, no adro da nova. No verán de 2017, con ocasión da inauguración desta escultura, desde o Club Náutico de San Vicente presidido naquel momento por Ignacio Montenegro, formulamos a proposta de que se declarase Conxunto Histórico ao conxunto patrimonial formado polos castros do Castriño, as fábricas de salga do Carreiro e da Barcela, a nova igrexa e, por suposto, Adro Vello. Esquecéusenos a salga do Sineiro. Dirixímonos ás institucións con competencias nese espazo e recibíronos con notable agrado. Pensei que chegaramos a bo porto. O Concello do Grove elevouna a Pleno e non soubemos nada máis: nin xestionou, nin liderou nada, deposita alí colectores de lixo e facilita aparcadoiros enriba do xacemento. A daquela Delegada de Costas en Pontevedra veu coñecer o sitio e conmoveuse coa desfeita; mais, cesada, non tivemos nova de actuación algunha. A Deputación e a Consellería de Cultura nin contestaron. Chega un novo Ano Xacobeo -a ninguén se lle ocorre relacionalo?- cun manancial de subvencións e estes lugares tan sobranceiros non só non teñen defensor que os vala, senón que os Castriños están brutalmente ameazados e Adro Vello, coa complicidade das autoridades, esmorece, estrágase día a día, pisado e ofendido, enleado con desprezo cunha malla oxidada de arame de galiñeiro. Ninguén vai facer nada? Por que?.