Campos, Álvarez e Frieiro, mellores padexeiros galegos 2019

AROUSA

CEDIDA

A Federación entregaralles os galardóns na gala do 21 de decembro, na que tamén se recoñecerán o Náutico Pontecesures e Portela

19 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Gala do Piragüismo Galego volverá contar, un ano máis, cun sobresaínte protagonismo arousán. O 21 de decembro, en lugar por determinar aínda, tres deportistas da comarca subirán ao estrado na quenda de entrega dos premios principais. Os grovenses do Breogán Tono Campos e Tania Álvarez, como mellores padexeiros sénior masculino e feminino, premios compartidos, respectivamente, co betanceiro Carlos Arévalo, subcampión do mundo do K4 500 e corresponsable da praza olímpica para España nos Xogos de Tokio 2020, e coa lucense Tania Fernández, compañeira de Álvarez no K2 subcampión de Europa e do Mundo de maratón. As dúas últimas recibirán o galardón por segundo ano consecutivo, como a catoirense das Torres-Romaría Vikinga Carla Frieiro na categoría de mellor padexeira júnior; no seu caso, polo seu bronce no K1 500 no Campionato do Mundo da categoría de formación.

Tono Campos ve recoñecidas a súa media ducia de medallas esta tempada na modalidade de maratón entre Europeo e Mundial, incluído o seu segundo dobrete no C1. Un premio confirmado só unha semana despois do anuncio da súa elección como mellor deportista galego do 2018, o máximo recoñecemento concedido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e que o meco recollerá o día 28 en Lalín.

Os galardóns da xunta directiva da Federación Galega de Piragüismo, que este ano contou por primeira vez cunha enquisa previa realizada entre a xente do piragüismo, inclúen o Club Náutico Pontecesures, elixido mellor entidade nas categorías base, mentres que a canguesa e veciña do Grove Teresa Portela recibirá a mención especial da Fegapi pola súa traxectoria, logo de conquistar a medalla de bronce no K1 200 no último Mundial en Hungría, e conseguir para España a praza en Tokio, que, de non torcerse as cousas, elevará a seis o seu número de participacións nuns xogos olímpicos.