Once colexios do Salnés repiten no programa de introdución á robótica en Primaria da Xunta

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

16 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Educación da Xunta de Galicia informou onte dos centros de ensino público que este curso participan no programa de introdución á robótica educativa en Primaria. E entre os 83 da provincia de Pontevedra, nove deles de nova incorporación, figuran once da comarca do Salnés, todos eles repetindo experiencia.

Trátase dos colexios de Rubiáns e do Piñeiriño, en Vilagarcía, dos vilanoveses de Viñagrande-Deiro e de Sestelo-Baión, do de San Tomé e os plurilingües de Castrelo e Enrique Barreiro Piñeiro de Cambados; e no Grove, do Rosalía de Castro, Valle-Inclán, As Bizocas e Conmeniño.

O obxectivo do programa é que o alumnado dos diferentes centros educativos poidan iniciarse na experiencia da programación básica, da robótica e da construción. E iso, mediante a entrega por parte da Consellería de Educación dun kit de material específico.

Enmarcado na estratexia Edudixital 2020, a iniciativa autonómica vai dirixida a alumnos dos tres últimos cursos da educación primaria, isto é, cuarto, quinto e sexto. Respectando a autonomía de cada centro, que pode elixir diferentes maneiras de implementar as ensinanzas sobre robótica. Ben mediante unha materia de libre configuración no marco da normativa vixente, dentro das diferentes materias ordinarias de forma transversal, ben con programas de innovación educativa da Consellería, ou mesmo organizando obradoiros fóra do horario lectivo do colexio.

Neste curso son 178 os centros participantes no programa autonómico, aos que se lles fai entrega de media ducia de robots de uso educativo, outros tantos kits de construción para un mínimo de cinco proxectos diferentes, e unha guía didáctica.