José Piñeiro, mestre muiñeiro: «O muíño hai que saber levalo»

AROUSA

MONICA IRAGO

A Festa do Pan de Ribadumia cumpre a maioría de idade e Seso, en todas as edicións, oficia como mestre da moenda

10 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Seso do Carballal non lle ten medo a traballar. Sempre o fixo, porque cando el era novo non existía a posibilidade de ser ni-ni. Na casa todo o mundo tiña que botar unha man, e a el gustáballe botala no muíño. «Meu pai tiña moitas vacas, e para que comeran había que botalo a moer, e iso facíao eu», lembra. Aquelas habilidades adquiridas de rapaz non as esqueceu nunca. Por iso agora, superados os oitenta anos, Seso é o encargado de poñer a funcionar os muíños de Ribadumia cando a ocasión o require. E hoxe, requíreo. Celébrase a festa do Pan, que vai xa polos 18 anos de vida, e moitos curiosos acudirán a esta localidade para descubrir como se facían as cousas antes.

En Ribadumia, hoxe, vaise moer millo. Antes, pasaban pola moa todo tipo de cereais, como trigo e centeo. Cada un esixe manexar o muíño con certos xeitos, porque os grans son diferentes e precisan un tratamento particular. Seso asegura que converter os cereais en fariña non resulta tan complicado como pode parecer. «Moer é fácil se hai auga bastante», asegura. Así que, de ser preciso, haberá que embalsala. O resto redúcese a prestar atención ás demandas da moa e do rodicio. «O muíño hai que saber levalo. Cunhas pancas moves o rodicio e levantas ou baixas a pedra segundo precises», asegura.

A Seso gustaríalle que houbera xente nova que lle dera o relevo neste oficio seu de muiñeiro de festas e romarías. «Pero xa non hai moita xente que saiba. Antes todo o mundo moía, pero logo chegaron os aparatos eléctricos e deixouse de facer». Por iso el se presta a participar en festas que, coma a do Pan, manteñen vida unha parte da súa historia. Da nosa historia.