«Quizais sexa a Volta que afronte máis tranquilo. O que teña que ser, será»

O vilagarcián Gustavo César Veloso, líder da xeral, advirte na xornada de descanso que por diante queda a parte máis dura da gran rolda lusa, e salienta a igualdade entre os favoritos

Paulo Maria (Cedida)

Aténdenos a primeira hora da tarde, e máis que gozar da xornada de descanso, semella ter rematado unha esixente etapa en alto. Aproveitamos o parón da Volta a Portugal para coñecer as impresións do seu líder provisional, o vilagarcián Gustavo César Veloso. E descubrimos que o gañador das edicións do 2014 e do 2015 encara o reto con tanta fame, toda, como ausencia de presión.

-Catro anos despois volve portar o xersei amarelo na Volta a Portugal. Máis aló da implicación deportiva, ¿que lle xenera a nivel persoal?

-Despois de dous anos tendo un día negro na Torre, saír da Torre de amarelo, o sentimento é o do deber cumprido. Nunca tiven o sentimento de fracaso. Sempre fun profesional, e cando non estiven para gañar, axudei a outros a gañar. Pero a Torre era como unha pequena besta negra. Nos últimos dous anos fallei aí, e sempre tes esa mosca detrás da orella. Estouno gozando. Quizais sexa a Volta que afronte máis tranquilo. Non me sinto coa presión de gañar. Este ano estou tentando gozar do día a día; sinto como que non teño nada que perder. O que teña que ser, será.

-En Torre, único alto de categoría especial da rolda, foi segundo e comezou a marcar distancias cos seus rivais pola xeral. Onte -polo luns- no esixente final de Guarda arañou máis segundos con todos os seus competidores, agás Joni Brandão. ¿Como se sinte para encarar a segunda metade da carreira?

-Creo que estou tendo un bo nivel. E creo que teño as miñas papeletas para ser un favorito para gañar a Volta. Pero tamén son consciente de que as forzas están igualadas. A Torre chegamos unha ducia de corredores xuntiños, co mesmo tempo. As diferenzas que houbo na Torre entre os favoritos foron nos últimos 500 metros. Iso fai que haxa que ser prudente. Pero tampouco pesimista. Son os outros os que me teñen que quitar a vantaxe. E eu defenderme.

-Con media Volta atrás terá tido tempo para analizar polo miúdo os seus rivais sobre o terreo. ¿Onde ve o maior perigo para a defensa do seu liderado?

-O problema é que a Volta que queda é máis dura ca que levamos feita. Vai haber un desgaste grande, e a etapa raíña vai ser a Nosa Señora da Graça, na que imos subir tres portos de primeira categoría. Esa etapa vai ser decisiva. Non sei se para saber quen vai gañar, pero si para que haxa quen estoupe, e meter minutada.

-Dous homes do Louletano, outros tantos do Efapel, e un par máis do Radio Popular/Boavista entre os dez primeiros da xeral. Semella unha coartada perfecta para forxar unha alianza en carreira para derrocalo en canto se dea a oportunidade...

-Eu creo que non. Unha das cousas boas que ten a partir de agora a Volta é que todo o mundo comeza a pensar primeiro en non perder o seu lugar, e despois, en mellorar. O que está terceiro non quere perder o podio, e para mantelo non vai arriscar a perder o seu posto. Os equipos que teñen dous corredores destacados mirarán de sacrificar un para mellorar o outro. Nós tamén temos a tres corredores entre os dez primeiros, un máis; é unha vantaxe.

-¿Chega ao descanso coas mesmas sensacións cas do 2014 ou 2015, ou son carreiras moi distintas?

-Son carreiras diferentes. Ao final o que importa é a competición. Hoxe -por onte- quizais sexa o día no que máis canso estou de toda a Volta. Non sei se polo parón, ou polo axetreo. Agardo rematar as entrevistas, ir a masaxe e relaxarme.

-A Volta reanúdase cunha etapa rompepernas que dará paso á guerra nas alturas da Serra do Larouco, final o xoves, e da Nosa Señora da Graça, o sábado. ¿Vese gozando a contrarreloxio do domingo, ou tendo que apretar os dentes nos 19,5 derradeiros quilómetros da Grandíssima?

-Saque a vantaxe que saque, sei que o domingo vou ter que apretar si ou si. Non penso niso. Vou día a día, defendendo o xersei amarelo. Se vexo a oportunidade de poder sacarlles máis distancia aos rivais, non vou agardar á crono. Pero unha cousa é querelo, e outra poder. Imos ir vendo día a día.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Quizais sexa a Volta que afronte máis tranquilo. O que teña que ser, será»