Imaxine, lector, unha investigación histórica, por poñer, de dentro duns cincocentos anos
28 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Imaxine, lector, unha investigación histórica, por poñer, de dentro duns cincocentos anos. Algo así: «Os habitantes da Terra no século XXI persistían no erro da fabricación interminable de automóbiles, artefactos propulsados a motor, contaminantes pola manufactura, uso e destrución, que fomentaba unha especie de economía circular: xeraba postos de traballo e actividade económica, para manter o consumo da produción. Ata a segunda década do XXI cando só había un auto por cada seis habitantes, toda a poboación mundial podía subirse nun e deixar o resto da Terra deserta ou, se se puidesen pór todos xuntos, ocuparían a superficie da chamada daquela Unión Europea. A utilización ordinaria destes enxeños era irracional e ineficiente: ían habitualmente ocupados por unha persoa, uns mil quilos para transportar menos de cen, e non había ningún tipo de organización lóxica, de xeito que a maioría repetían rutas, o que provocaba unha circulación absurda coa correspondente duplicidade de contaminación e gasto. As compañías produtoras de coches, mediante campañas publicitarias universais, prohibidas a finais do XXI por procaces, indecentes e enganosas, acadaran que cada un dos habitantes tivese como soño vital dispor dun automóbil, póndose en situación de escravitude para facer fronte ao seu pago. A cifra de vehículos producidos duplicouse cando se automatizaron e xurdiu o costume de darlle un a cada acabado de nacer, ata que o número de coches excedeu o de habitantes. Os impostos aplicados polos Estados para sufragar as necesidades derivadas da existencia de tal cantidade de coches fixéronse insoportables. Os gobernos locais e supranacionais, dirixidos polos propietarios das marcas, realizaron un gasto continuado na habilitación de vías de circulación, incrementado en canto eses artefactos puideron voar, e en aparcamentos por triplicado, pola permanente mobilidade daqueles trebellos. A necesidade de financiar infraestruturas provocou unha presión fiscal asfixiante para a poboación mundial, de xeito que unha persoa dedicáballe uns trinta anos da vida de traballo a pagar os automóbiles, o seu consumo e eses impostos necesarios para a creación e mantemento de equipamentos para coches. A superficie ocupada por esas zonas para estradas, garaxe e estacionamento, impermeables, incrementou os desastres medioambientais ao suprimir o ciclo natural da auga. Os restos non reciclables houbo que destinalos ás fosas mariñas. E como a xente mantiña o costume de acudir en determinadas ocasións nos mesmos días aos mesmos lugares, cadaquén no coche de seu, provocouse a ruína dos destinos turísticos que triplicaran estruturas para a poboación flotante. É coñecido na arqueoloxía o caso dun concello costeiro de Galicia que argallou botarlle un piso a toda a superficie municipal, para acoller coches dos turistas». Lector, síntoo, saíume, máis ou menos, a realidade; non teño imaxinación.