Do Día Internacional do Parlamentarismo

AROUSA

PACO RODRÍGUEZ

Aos parlamentarios aínda lles queda moita tarefa por facer

30 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se vostede, lector, participa nun grupo de wasap ou noutra desas vulgarísimas redes sociais, nefastos enredos aos que Joaquín Sabina se refería en 19 días y 500 noches cun groseiro e merecido cualificativo, terá recibido mil mensaxes sinalando que os parlamentarios non merecen nin os salarios que reciben, acaso engadindo imaxes dalgún político durmido no escano. Maioritariamente esas comunicacións proceden de sectores fóra do sistema, habitualmente pola dereita. Non fai falta ser sociólogo para ver que son as mesmas camarillas que, por exemplo, rexeitan o uso do galego e son faccións contrarias ás Autonomías. Sen embargo, a ONU declarou o día de hoxe como Día Internacional do Parlamentarismo. Dedicar un Día Internacional a unha cuestión concreta significa que hai algo valioso que remarcar ou que está en perigo. Así, temos Días Internacionais da Educación, da Conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto, contra o Cancro, da Tolerancia cero contra a mutilación xenital feminina, da Xustiza social, da Lingua materna, do Cero discriminación, da Muller, da Vida silvestre, do Dereito á verdade. Materias, todas elas, sobre as que é fundamental, como di esa organización, «sensibilizar, concienciar, chamar a atención, sinalar que existe un problema sen resolver, un asunto importante e pendente nas sociedades para que, a través desa sensibilización, os gobernos e os Estados actúen e tomen medidas ou para que os cidadáns así o esixan aos seus representantes». O parlamentarismo, corolario do sistema democrático a través do sufraxio universal, é unha das maiores conquistas na Historia aínda que o Althingi islandés, viquingo de orixe, leve aí dende o 930. É certo que hai deputados ou senadores xulgados e condenados por delitos. Si. Pero ata convén lembrar, por se non se caera na conta, que no Estado español hai xulgados ditando a diario centos de sentencias condenatorias a todo tipo de cidadáns. Porque, aínda que sexa razoamento de Perogrullo, hai fontaneiros ou médicos deshonestos e non por iso hai que suprimilos. Todo ese ruído orquestrado non pode facer dubidar de que os Parlamentos son depositarios da vontade popular, o máis sacro, e no sistema democrático son eles, non os gobernos, os que cambian a lexislación e fan avanzar a sociedade. E non hai outro camiño. E como quedan moitos temas nos que progresar, a propia ONU ponlles deberes a eses Parlamentos: entre outros, que busquen a igualdade de xénero e o empoderamento de mulleres e xuventude; que miren pola paz e a seguridade, polo desenvolvemento sostible e o diálogo entre etnias; que defendan a transparencia e o rendemento de contas, a democracia e o bo goberno; que difundan as tecnoloxías da información; que reduzan o risco de desastres; que creen capacidade e financiación para o desenvolvemento. En fin, larga vida ao parlamentarismo, que queda tarefa.