Budiño revélase como cantante

AROUSA

MARTINA MISER

O músico presenta o seu novo disco «Fulgor», un traballo que, segundo di, ten moito que ver coas súas vivencias na Arousa

11 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

18 abril • 21 horas • Auditorio da Illa • Gratis, con invitación • «Fulgor» é o novo disco de Xosé Manuel Budiño, e non é un disco calquera. O seu público, acostumado a velo e a escoitalo coa gaita e a frauta, descubrirao agora coa guitarra e cantando. É un traballo especial, en palabras do autor, que ten moito que ver coa Illa de Arousa. Un lugar este que lle é moi familiar e que lle axudou a descubrir e explorar esta nova faceta, ben fora da man de Carlos Blanco, dándose un baño na Area da Secada ou cantando no san Xoán.

«Fulgor» da nome a un disco, a un viño e conta con colaboracións como as de Xoel López, Vera e Antía Otero. É froito dunha evolución, «dun cambio de rexistro», en palabras do deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, que demostra que os artistas galegos saben diversificarse para chegar a novos públicos sen perder a calidade. Esas, abundou Leal, son as premisas do Musigal, o programa de difusión da música galega que promove a Deputación de Pontevedra, «que naceu para democratizar a música profesional en galego e levala por todos os concellos da provincia». O Musigal fai posible que Budiño actúe o día 18 na Arousa e o artista non deixou onte de gabar esta iniciativa pola visibilidade que lle proporciona aos artistas locais. Fíxoo nunha rolda de prensa na que, ademais dos mencionados Budiño e Leal, estiveron o alcalde da Illa, Carlos Iglesias e a concelleira de Cultura, Rosi Viana. Ámbolos dous destacaron a aposta do seu goberno por unha programación cultural de calidade e accesible a todos los veciños, na que o Concello implícase ata o punto de converter o escenario do auditorio nun local de ensaio de luxo para músicos e compañías de teatro.

Aínda quedan entradas para o concerto de Budiño, que son gratis e se poden retirar nas oficinas do Concello.

O de Budiño na Illa será o primeiro dos concertos do Musigal no Salnés. O segundo será o de Luar na Lubre en Ribadumia o 17 de maio, ao que lle seguirán Treixadura no Grove o 18 de maio, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre en Vilagarcía o 21 de maio, Verbena Galega en Meaño o 2 de xuño, A Roda en Meis o 14 de xullo, Son Galego, Son Cubano en Vilanova de Arousa o 27 de xullo, e Treixadura en Cambados o 31 de xullo.