«Unha alta porcentaxe da sociedade que consume heavi son mulleres»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Patty Castro impulsa Mulleres Galegas Kañeras para visibilizar as artistas femininas

12 mar 2019 . Actualizado a las 14:07 h.

Cando impulsou Mulleres Galegas Kañeras, a Patty Castro nin se lle pasou pola cabeza que, anos máis tarde, «fora a ser un movemento. Foi unha idea persoal que xurdiu xa uns cantos anos e baseada na experiencia que tiña como vocalista en grupos de rock e de heavi. Sempre rodeada de homes e nun ambiente moi masculinizado detrás do escenario e, incluso, diante. Cando me atopaba a unha compañeira do sector era toda unha alegría e quixen facer algo con elas. ¿É un movemento? Pois non o sei o que si que é verdade é que coñecín a moitas mulleres moi interesantes, que se senten cañeras e compartimos ideas».

Co paso do tempo, novos nomes fóronse incorporando ao panteón do metal, algo que non se traduciu nunha maior presenza feminino sobre os escenarios. De feito, cóntanse cos dedos das mans os concertos que unha sala pode programar con bandas lideradas por unha vocalista. A cifra cae, incluso, máis cando se trata de grupos constituídos so por mulleres. E habelos, hainos. Agoraphobia ou Bala son dous exemplos.

«Son varios factores os que inflúen, socioculturais todos eles. Basicamente, é un fiel reflexo da nosa sociedade», remarca con certo ton de amargura na voz. «En moitos ámbitos da sociedade, os homes seguen ocupando os cargos e na música heavi tamén, polo menos no que son os grupos visibles, os coñecidos internacionalmente. Non están as mulleres e non é porque sexan peores, senón porque se lles da pouca visibilidade».

O público

Neste punto, Patty Castro racha coa imaxe coa moitas veces asociouse ao hard rock ou o metal. «Tendese a falar que a música cañera ten que ser música masculina porque é forte, con sons graves, riffs de guitarras, unha estética moi dura... Sóese relacionar con homes rudos e non con mulleres. Parece que temos que demostrar que somos moito máis duras que os homes ou non podemos estar neste tipo de ambientes». Por contraposición, a cantante esgrime que «a música non ten sexo. Unha canción pódeche facer sentir algo independentemente de quen a interprete».

O que ocorre no escenario, curiosamente, non ten reflexo na area, entre o público, xa que unha alta porcentaxe da xente que acude a un concerto son mulleres. É unha realidade que pode percibir a propia Patty Castro nas súas actuacións ou acompañando a Nao. «Unha alta porcentaxe da sociedade que consume heavi son mulleres», unha circunstancia da que parecen tomar boa nota algunhas recoñecidas marcas internacionais de moda que non dubidan en ofrecer camisetas ou cazadoras con referencias a Guns N’ Roses, AC / DC ou Ramones... Ou incluso, xa no ámbito do pop rock, ás súas satánicas maxestades, The Rolling Stones.

Unha forma de vida

Como ela mesma sinala, un dos problemas que eterniza está situación ben da man dos estereotipos. En pleno século XXI, a sociedade segue a fomentar un tipo de muller «máis feminino. É parece que si estas dentro do heavi ou, incluso, do rock non buscan este estereotipo de feminidade e, de feito, é doado encontrar neste ambiente mulleres pouco hetereopatriarcais. O punk, o heavi e o rock ofrecen unha visión dende un punto de vista de mulleres que non están acordes coas normas femininas actuais. Tal vez, esta sexa outra das razóns polas que nos costa ter público, porque xa non se trata so de ir a escoitar unha música, é unha forma de ser, unha forma de vida», remarca.

«As mulleres non so somos unha cara ou voz bonita; temos o noso discurso»

Cando se lle pregunta pola filosofía detrás de Mulleres Galegas Kañeras, Patty Castro non o pensa: «Dar visibilidade ás mulleres porque igual que quero poder dicirlle aos meus netos quen eran Led Zeppelin, gustaríame poder contarlles dalgún grupo de mulleres. Ás miñas fillas poucos referentes a ese nivel lles podo ofrecer. E agora mesmo temos un xurdimento de mulleres supercañeras e hai que apoialas».

Trátase de creadoras que, en moitos casos, se escapan da esfera metalera e abarcan outros ámbitos artísticos. Hai están, a modo de exemplo, Músicas Galegas Ilustradas, proxecto que, tal e como reza a súa web, impulsa Laura Romero, ilustradora, debuxante urbana e baixista de Zënzar; as integrantes pontevedresas de MIM ou Mulleres da Industria Musical; Andrea Verdú, quen con Armonia 2 levou a música en directo aos cárceres galegos; ou Raquel García, que con Rockin’ Ladies está visibilizando fotograficamente ás artistas do rock e do heavi por toda España... A fin de contas, Vane Balón, bloguera de Distrito Uve, ten censadas 114 bandas de metal con, ao menos, unha integrante feminina, cifra que é parella no caso dos grupos punk, pero que se incrementa ata as 256 no rock.

«As mulleres non so somos unha cara ou voz bonita, senón que, como seres humanos, temos o noso discurso como o poden ter os homes», incide Castro remarcando que si complicado é sobresaír diante dun micrófono, aínda o é máis no caso das baixistas ou das bateristas.

De igual modo, lamenta que a paridade é practicamente inexistente no hard rock. «Hai moi poucas mulleres que sexan nais e sigan neste mundo, pero, curiosamente, as súas parellas, os homes, si que seguen», sostén, ao tempo que ironiza: «Hai moi pouca música que me guste cando poño a radio».