Roi Casal grava o seu disco en directo en Vilagarcía

AROUSA

MARTINA MISER

Doce músicos galegos y cubanos compartirán o escenario

05 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sábado 9 • 21 horas • Dende 6 euros • Auditorio de Vilagarcía • O auditorio de Vilagarcía e o Teatro Nacional de La Habana son os escenarios escollidos por Roi Casal para rexistrar unha versión moi especial de «Son Galego, Son Cubano», o traballo conxunto co que o músico catoirense e o mestre Neira Vilas celebraron a memoria da emigración e os fortes vencellos que unen Galicia e Cuba.

A proposta gaña enteiros polo feito de que Roi empregará as dúas gravacións para editar o seu vindeiro traballo, un disco en directo que recollerá os concertos da capital arousá e a urbe caribeña.

Doce músicos galegos e cubanos compartirán o escenario cunha sección de baile nunha actuación irrepetible. As entradas (12 euros para adultos, 6 para nenos de tres a doce anos) xa están á venda a través de ticketea.com e o teléfono 902 044 226. Tamén na billeteira do auditorio, o propio sábado. Os menores de tres anos entrarán de balde, previa retirada dunha invitación.