Terceira derrota consecutiva dun CXF case apeado da Liga

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A candidatura do equipo vilagarcián volatilízase cando aínda non se chegou ao ecuador da competición

26 feb 2019 . Actualizado a las 21:01 h.

A candidatura do Club Xadrez Fontecarmoa Viajes Interrías-Sanxenxo ao título da División de Honra das Ligas Galegas de Xadrez practicamente se volatilizou cando inda non se chegou sequera ao ecuador da competición. Logo dun inicio do máis prometedor, con dúas contundentes vitorias, o conxunto vilagarcián encadeaba o pasado sábado con notables baixas a súa terceira derrota. Co engadido de producirse ante un rival directo, o USC, defensor do título, e co cadro arousán desaproveitando os prometedores escenarios presentados na maioría dos seis taboleiros de xogo tras os primeiros movementos, con resultado final de 2-4.

O número 1 do Viajes Interrías Sanxenxo, Julio Suárez, non pasou das táboas con Luis Medarde, conseguindo Roi Reinaldo o único triunfo local, fronte a Diego Suárez e completando a puntuación vilagarciá as táboas obtidas por Dan Cruz. Lucas Abal, Julio Torrado e Andrés Varela, que se incorporou ao taboleiro 6, cederon os seus respectivos duelos. O equipo vilagarcián manténse cuarto, con 15,5 puntos, 6 por debaixo do líder, a E.X.P.-Universidade de Vigo.

Na Primeira División, empate do C.X.F. Baños Print co USC Xuvenil, 2-2, e derrota do Dorna Vengarco ante o Milladoiro, 3,5-0,5. E no grupo D da Segunda, empates na casa do Breogán co Xadrez Marín e do Cum Laude co Chigorín, e triunfos por 4-0 do líder, C.X.F. McDonalds, e do C.X.F. Casa da Xuventude sobre o Padrón C e sobre o Portas.