Moito circo, verbena e ata másteres no Entroido da Illa

AROUSA

MONICA IRAGO

Non faltará o clásico desfile de carrozas, a actuación das comparsas e, por suposto, os liborios

20 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha semana quédalle curta ao Entroido da Illa. A festa organizada pola asociación cultural Dorna e o Concello arrincará o venres 1 de marzo coa cea de comadres e rematará o domingo 10 co tradicional festival de comparsas. Entre medias, haberá unha manchea de oportunidades para disfrazarse, cantar e bailar, tamén na verbena do sábado, con América e a discomóbil CSC. O domingo toca sesión vermú con Fantasía Furruxa e, xa pola tarde, o pregón -o seu autor é sorpresa- que dará paso á saída de liborios. Alí, no Regueiro, instalarase unha carpa na que se desenvolverán boa parte das actividades programadas para o Entroido como é o baile infantil e a entrega de másteres outorgados pola Excelentísima Universidade do Liborio Carcamán. O luns volverá a haber baile na carpa coa Duendeneta e Batucada Olodum do Colo e, pola noite, será a gran cita do Entroido da Illa, nas rúas e nos bares, que atrae a veciños de toda a comarca ata a madrugada. O martes 5 celebrarase a Gran Feira do Circo, na que se invita a todo o pobo a disfrazarse para a ocasión e a bailar na segunda Gran Flashmob.

O Mércores de Cinza toca queimar ao Liborio e descansar para afrontar a dobre festa da fin de semana: desfile de carrozas o sábado e as comparsas, o domingo.