Suso López: «Temos sinerxias e ideas compartidas con Marea da Vila e mesmo co BNG»

Malia a confluencia non chegar a bo porto, López ve un terreo común de traballo, mesmo para un goberno conxunto


vilagarcía / la voz

Unha semana despois da presentación de En Común, o seu candidato á alcaldía, Suso López, fala sobre o proxecto, as razóns polas que non callou a súa confluencia con Marea da Vila e o que agarda da que será a súa segunda experiencia como cabeza de cartel en Vilagarcía, logo da candidatura de Esquerda Unida no 2015.

-Para moitos, a presentación de En Común foi unha sorpresa.

-É certo que se cadra acolleuse con sorpresa, e sobre todo cunha moi boa recepción, polos comentarios que recibimos. Vós mesmos puidestes comprobar como a sala de conferencias do auditorio estaba practicamente chea, o que tamén para nós foi unha grata sorpresa. En Común sae dun espazo de traballo que non se puido consolidar como nos gustaría que ocorrese. Boa parte das persoas e organizacións que estabamos alí non coincidiamos cos tempos e coas formas, así que decidimos iniciar a andaina por separado.

-¿Que representa ou pretende ser exactamente En Común?

-Pretende ser un espazo pola esquerda aberto a todos quen queiran aportar ideas, traballo, tempo e propostas para que Vilagarcía sexa a cidade que queremos. Temos representación municipal a través de EU e Somos Maioría, hai xente que tivo afiliación no PSOE e noutras formacións, e en xeral todo o mundo ten cabida dende unha perspectiva progresista, de defensa do social, do público, da comunidade que temos que facer prosperar para facer do noso pobo unha vila máis humana e solidaria.

-Ben, pero dá a impresión de que hai aquí un cambio importante de estratexia, dende un proxecto de esquerda rupturista a unha idea máis, digamos, pragmática, con xente coñecida e con experiencia, apuntando a acadar unha certa representación...

-Non vai calculado dese xeito. As claves realmente son as mesmas que funcionaban con Marea da Vila. A política é outra cousa do que estamos afeitos a ver. Unha cuestión vocacional, de servizo público. As persoas que queiran facer algo pola súa veciñanza deben ter claro que o obxectivo é práctico, si, no senso de poñer medidas concretas sobre a mesa. Podes chamarlle a iso rupturista, porque estamos afeitos a esas carreiras de políticos profesionais, pero non debería ser así. Algo tan sinxelo como escoitar á cidadanía, porque sigue custando escoitar e recibir a xente, e nós pensamos que é máis doado levar o Concello ás parroquias que levar as parroquias ao Concello.

-¿Non teme unha dispersión do voto de esquerda?

-Ese risco existe, pero aínda así, se o pensas, estamos menos divididos que antes. Nas últimas eleccións concorremos EU e Somos, Podemos non foi, así que puidemos ser tres, e agora somos dúas. Non podemos saber que tería pasado de acadar aquela candidatura única, pero o tempo e os prazos pedíannos saír xa á rúa.

-¿Por que non foi arriba?

-Realmente foi un tema de modos e prazos que se incumprían sucesivamente. Moi lonxe de pelexas pola poltrona. Foi unha magoa que non funcionase, pero iso non quere dicir que non haxa un espazo de traballo común no futuro. Pola nosa banda, entendemos que aínda estamos a tempo. Todos debemos facer autocrítica. Lamento que non saíse adiante. Máis nada.

-¿Máis nada? ¿Non hai feridas abertas ou malas relacións logo da ruptura? Estou pensando no que ocorreu con EU...

-Non ten nada que ver. O proceso de EU foi unha liorta interna por parte dalgunha xente con moi mala praxe, que foi resolta. Algúns foron expulsados e outros marcharon. Eu creo que con Marea da Vila está explorado ese terreo común. Supoño que os obxectivos que mantemos son os mesmos, e iso é o que nos ten que unir. Onde queremos ver a Vilagarcía e como queremos que a xente viva. Temos sinerxias moi positivas e ideas compartidas con Marea da Vila, e mesmo co BNG.

-¿E co PSOE?

-Ao longo deste mandato votamos a favor da meirande parte das propostas do goberno, igual que as nosas iniciativas, a través de EU e Somos Maioría, foron apoiadas no pleno, en moitas ocasións mesmo por unanimidade. É certo que nos orzamentos nin sequera puidemos chegar a unha postura de abstención. Pero xa ves que o propio BNG queixouse de que as súas propostas incluíanse pero non se cumprían.

-¿Como son as súas relacións?

-Non empezaron ben, con ese pacto de cidade co PP, no que a cidade só puxo cartos. A iso sumamos que acolleron a persoa que marcha de EU. Pero aínda así os grupos que agora formamos En Común estivemos a favor das mocións do goberno local, aínda que ao revés non sempre foi igual. En poucas cousas houbo discrepancias insalvables. Insisto, todos debemos facer autocrítica. Tamén o goberno, que ás veces preocupouse máis por denunciar pinzas inexistentes cando non lle interesaban algunhas cuestións que en chegar a acordos.

-¿Ata onde pode chegar EC?

-Imos por todas. Nacemos con espírito e gañas de mudar as cousas e de facer outro tipo de goberno. Vai ser hora de probar algo diferente ao PSOE e o PP e de lograr que a participación cidadá sexa unha forma de vida dentro da política municipal.

-Entendo, polo que dis, que de ser preciso haberá un compromiso para un goberno de esquerdas.

-Traballaremos para que o goberno que saia do 26M sexa un goberno de esquerdas, si. Queremos un escenario de progreso, non de retroceso. Non comulgamos coa dereita. Pero non por algo visceral ou por algún tipo de xenreira, senón porque demostran cos seus posicionamentos que non están a favor dos servizos públicos e de que a cidadanía conte dende un principio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Suso López: «Temos sinerxias e ideas compartidas con Marea da Vila e mesmo co BNG»