Javi Rey, ex do C.D. Barco, é o novo adestrador do Céltiga

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Santi M. Amil

O ourensán, cun exitoso currículo no seu último equipo en Terceira, dirixía onte a primeira sesión de traballo do seu novo cadro

05 dic 2018 . Actualizado a las 21:13 h.

O Céltiga quería un novo adestrador para a primeira sesión de traballo técnico-táctica do equipo tras a dimisión irrevogable de Manolo Núñez á fronte do conxunto illense. E outro ourensán, Javi Rey (13/I/1985), é o elixido para o cargo de adestrador do cadro insular. Un posto que asumía na noite de hoxe mércores no adestramento que os seus novos pupilos realizaron no Mosteiro, lugar que frecuentan esta tempada na preparación dos seus partidos de Liga.

Javi Rey anunciou a súa inminente mudanza á Illa desde Ourense, onde vive e adestra o equipo de Liga Galega Xuvenil do Ourense C.F. Unha ocupación que abandonará acompañado do preparador físico Héctor Otero, co que viña formando tándem no C.D. Barco ata o pasado verán, cando Javi Rey optou por non seguir dirixindo o conxunto valdeorrés, «simplemente, por un fin de ciclo», explica. Un punto e aparte a cinco tempadas, as dúas primeiras na Preferente, con ascenso coma campión do grupo sur, e as tres restantes ofrecendo un gran nivel e imaxe na Terceira, cun sexto posto no debú, remantando na metade da táboa o curso seguinte, e finalizando sétimo a pasada primavera, tras participar de cheo na pelexa polas catro prazas con dereito á promoción. Cun fútbol de bo trato ao balón, pero tamén práctico.

Co «objetivo de salvar la categoría», Javi Rey considera a súa fichaxe polo Céltiga «una buena oportunidad». Inda que víu un par de partidos do seu novo equipo esta tempada, di que «quiero ver trabajar a los jugadores» antes de facer unha composición de lugar definitiva. Pero recoñece o evidente: «Sabemos que tenemos que fichar jugadores, porque la plantilla es corta». Unha cuestión que a directiva do Céltiga levou a primeiro plano, ata o punto de primar na súa elección a capacidade do adestrador para incorporar a curto prazo reforzos contrastados. Sobre o particular, Rey comenta o seu amplo manexo non só do mercado galego, senón tamén do do norte español e andaluz dada a dificultade para atopar xogadores no Barco.