Sonia Outón, concejala de Xuventude de Vilagarcía, aboga por máis traballo desde as institucións
18 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Moito ten chovido dende a célebre campaña do «Póntelo-Pónselo» que en 1990 resultou tan polémica como efectiva, xa que contribuíu a frear a epidemia do VIH.
Hai quen pensa que aquilo era cousa doutros tempos, que hoxe unha campaña así non tería sentido, porque co grao de desenvolvemento da Sociedade da Información e coa universalización da tecnoloxía, enténdese que a poboación, especialmente a mocidade, xa ten ao seu alcance toda a información que precisa e, polo tanto, non fan falta medidas de sensibilización.
Pero o certo é que as enfermidades de transmisión sexual repuntan entre a mocidade dende hai uns anos, o cal indica que as campañas de información e concienciación sobre sexo seguro son moi necesarias.
As enfermidades de transmisión sexual son unha cuestión de saúde pública que esixen a implicación de administracións, educadores e familia. É un asunto a abordar de xeito transversal dende a perspectiva sanitaria, incidindo na seguridade e prevención de riscos; a educativa, que faga entender as relacións dende o punto de vista afectivo-sexual para acadar unha sexualidade plena; e tamén dende a de xénero, posto que aínda semella, por incrible que pareza, que a responsabilidade de que unha relación sexa segura recae máis nas mozas que nos mozos.
Usar o preservativo é o medio máis eficaz e accesible para protexerse das enfermidades de transmisión sexual e dos embarazos non desexados.
Dende as institucións debemos seguir insistindo nesta mensaxe con programas, campañas e slogans tan claros e directos como foi aquel acertado «Póntelo, Pónselo».