O Arousa anima os vilagarciáns a subirse ao club na crista da onda

Pablo Penedo Vázquez
PABLO PENEDO VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A directiva sairá á Praza de Galicia o venres e sábado para atraer novos socios aproveitando o excelente momento do equipo, e o partido polo liderado do domingo

09 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Había moitos anos que non estabamos nunha situación deportiva tan boa». O presidente do Arousa, Manolo Abalo, é, polo seu cargo, o máis consciente de entre os centos de socios do club do momento doce que está a atresar a marca arlequinada. E sempre atento ás oportunidades de crecemento no competitivo mercado deportivo vilagarcián, non está disposto a deixar pasar a ocasión. Co conxunto dirixido por Rafa Sáez encadeando por segunda vez na tempada tres triunfos, con 18 puntos sumados dos 21 en xogo ata o momento; e logo da vitoria no duelo co terceiro clasificado, o Compos, nun campo no que non se gañaba desde había case 44 anos. Mirando xa ao domingo, co Arousa, segundo clasificado, pelexando entón por despoxar o Bergantiños do liderado, Abalo pretende ensanchar a xa de por si ampla base social da entidade que preside aproveitando as circunstancias.

Así, o club vén de solicitarlle ao Concello o permiso para colocar o venres e o sábado un posto na Praza de Galicia «para que todo aquel que non sexa socio xa apoie o equipo, e se anime a sacar o seu carné».

Con preto dos 1.600 socios a estas alturas da tempada, a 400 inda dos arredor de 2.000 por curso nos que se estabilizou desde a súa consolidación na Terceira tras o seu último regreso, o Arousa, a súa directiva, aspira a máis. Entre outras razóns, pola necesidade de elevar os seus ingresos de cara a facerlle fronte ás consecuencias do inminente desenlace xudicial do caso do asistente de material do primeiro equipo, Pepe.

Así, e en espera do fallo ao recurso xudicial presentado polo Arousa contra o particular, a entidade deberá ingresar na Tesourería da Seguridade Social uns 120.000 euros en concepto de liquidación da pensión por incapacidade total, cun recargo incluído dun 20 % por atrasos, concedida en primeira instancia por vía xudicial ao extraballador do club. Uns cartos que deberá depositar en 15 días contados desde a notificación o venres pasado da resolución da Seguridade Social. Manolo Abalo dá por feito poder cubrir en primeira instancia o roto nas modestas arcas do Arousa cun préstamo bancario que a directiva está a piques de pechar.

Manu Táboas, listo para o Bergantiños

O plantel de Rafa Sáez comezou onte unha nova semana de traballo, co enfrontamento co Bergantiños e o liderado en xogo o domingo. E como todas as semanas, o luns foi día de recuperación para os futbolistas que participaron no partido de Liga do día anterior. Un choque co Compos de alta intensidade que deixaba no aire a preocupación por Manu Táboas, o porteiro titular do equipo, logo de xogar case toda a segunda parte en San Lázaro cun tirón nun aductor. Unha ecografía descartaba onte calquera lesión, informou Sáez. Sobre o inmimente choque co Bergantiños, o presidente do Arousa pide «poñer os pés no chan» para «tentar gañarlle ao líder» este domingo, sen esquecer os arousistas, iso si, «gozar do momento».