Un proxecto común de futuro

Javier Montero

AROUSA

CSanta Mariña non é un fósil histórico, pois conserva a súa función como aldea dos mortos, que en Galicia sempre está moi preto da vila dos vivos, polo que ten de evocación dos tempos idos, de recordo dos que xa non están, de lugar de convivencia onde compartir afectos e sentimentos, de espazo da beleza e da tradición no que agroma boa parte da nosa cultura, material e inmaterial, relixiosa e tamén profana. Supoño que é esa imaxe profundamente evocadora, máis a busca do pracer estético, o que atrae a miles de turistas e tamén por iso xusto merecedor de estar entre os camposantos singulares de Europa.

Pero o orgullo adoita anubrar a vista ata perder a perspectiva da realidade. Santa Mariña non é a foto con filtro que se difunde nas redes sociais. Sinxelamente porque de cambiármolo encadre darémonos conta de que está descoidada e hai moitas cousas que borrar. Está bastante lonxe de acadar as esixencias de conservación e calidade ambiental emanadas das recomendacións internacionais. A única tradición que debemos perder é o desleixo e improvisación coa que se fixeron as cousas. Pero non caiamos na tentación de buscar culpables, que neste recinto sagrado ninguén está libre de pecado.

Hai anos elaborei un informe sobre as deficiencias, afeccións e impactos, xunto ás potencialidades e as liñas de actuación que poderíanse levar a cabo para a súa recuperación física e revalorización patrimonial. Neste avanzaba a necesidade dun plan director que abranguese non só a preservación da ruína, senón todo o espazo en uso, cada un co seu tratamento específico: o cemiterio tradicional, as sucesivas ampliacións e a súas contornas.

A razón semella evidente: se ben se mantén unha xerarquía espacial histórica -que incluso habería que reforzar-, hoxe todo debe formar parte do mesmo conxunto en termos de calidade construtiva e paisaxística, funcionalidade e necesidade de mantemento a curto e longo prazo.

Todo isto obriga a cambiar de rumbo e implantar un modelo real e efectivo de xestión, que ten que aglutinar a todas as partes nun proxecto común: igrexa, administracións e veciños. Claro que non é nada doado, seino. Nin sequera estou seguro de cal debe ser a mellor estratexia. Pero xa non queda moito tempo nin moitas opcións. Santa Mariña é de todos, e todos temos a responsabilidade de mimala, respectala e mantela nas mellores condicións. So entón poderemos presumir do seu valor.