«Igual que utilizou o idioma galego para escribir textos, Castelao usou o idioma galego para debuxar»

Esta tarde presenta o libro «Castelao na arte europea» na apertura da nova sala do Museo de Pontevedra dedicada ao artista rianxeiro

.

pontevedra / la voz

A remodelada Sala Castelao do Museo de Pontevedra, onde se exhibirán permanentemente as 50 estampas orixinais do Álbum Nós, non podía ter mellor estrea. Na súa inauguración e como primeiro acto, o debuxante, humorista gráfico e escritor Siro López presentará alí esta tarde Castelao na arte europea (Editorial Garañón), un amplo e documentado traballo sobre o artista que o sitúa no grupo de vangarda dos debuxantes da Europa do seu tempo.

-Leva 45 anos estudando a Castelao. ¿Por que era tan necesario situalo no contexto europeo?

-Este libro tivo unha primeira edición en castelán porque eu quería, inocente de min, dar a coñecer a Castelao fóra de Galicia. Pero a editorial quebrou e agora sae na súa versión orixinal en galego, coma eu o escribín. Para min era fundamental tratar as influencias estranxeiras en Castelao para subliñar que estaba na vangarda europea como debuxante de humor e caricaturista, e que nunca esas influencias fixeron que caera na copia. Tiña que contalo eu porque se algún outro investigador antigaleguista chegara ás raíces de certos debuxos e certos comentarios teóricos seus, podería acusalo de plaxio. Neste libro analizo toda a súa obra como artista plástico.

-¿Por que Castelao cando vai a París non entende nin a Picasso nin a Matisse?

-Castelao non era un xenio, pero era un home dun enorme talento que soubo aproveitar todas as actividades ás que se dedicou. É o maior caso que coñezo dun talento ben aproveitado. O que non se pode é falar de Castelao como pintor. O Castelao pintor non existe porque era case un cego que debuxaba co nariz pegado ao papel. Podería ter sido un excelente pintor, pero desgraciadamente non estaba fisicamente capacitado para selo. Como debuxante, extraordinario. Foi o creador do humor gráfico e da caricatura en Galicia.

-¿Cales foron esas influencias europeas do Castelao debuxante?

-Cando chega a París non entende o que se está facendo na pintura, porén do debuxo de humor e da caricatura sabíao todo o que se facía en Europa. En España interesáballe sobre todo Bagaría. Castelao tíñalle admiración, pero Bagaría admirábao máis a el coma o número un dos debuxantes españois e o máis europeo de todos os humoristas gráficos. A primeira influencia que recibe de Europa é da revista alemá Simplicissimus, que tiña como estrela ao debuxante noruego Olaf Gulbransson. Este artista axudouno a crear un estilo persoal e achegarlle ao debuxo europeo o debuxo de humor de Galicia en linguaxe gráfica galega.

-¿En que outras fontes se inspirou?

-Outra fonte atópaa na revista francesa L’ Assiette au beurre, completamente distinta a Simplicissimus. Na alemá eran a maioría debuxantes modernistas e na francesa había moito expresionismo. Todas esas fontes foron alimento para crear o seu propio estilo, sen imitar a ninguén.

-¿Que supón o «Álbum Nós» na obra de Castelao?

-É unha obra insuperable pola calidade dos debuxos, pola técnica, por todo. El sae de facer un tipo de debuxo de humor en Vida galega, divertido, para facer rir. Renega diso e empeza o Álbum Nós como unha rectificación de todo o que levaba facendo ata o momento. Quixo reivindicarse facendo esta obra mestra. Despois, xa coas ideas máis claras, seguiu facendo outras cousas menos elaboradas pero de gran calidade.

-Houbo que esperar oito décadas para recuperar os orixinais desta obra...

-Eu, a verdade, recoñezo que pensara mal. Estaba convencido de que alguén da súa confianza quedara cos orixinais de Nós maliciosamente. Foi unha perda que durou moito tempo pero sen mala intención. A recuperación supuxo unha alegría inmensa porque é unha obra espléndida. Si se fixera unha selección dos mellores debuxos do mundo, Nós tería que figurar sen a máis mínima dubida, por esixente que fose esa selección.

-¿Vostede síntese herdeiro de Castelao como debuxante de humor?

-Coma todos os debuxantes, uns máis e uns menos. Cando facía debuxo de humor había moita xente que dicía que eu era continuador de Castelao; incluso alguén, que era «Castelao resucitado», unha tolería dun pobre vello galeguista. Todos os debuxantes da miña xeración somos continuadores de Castelao por unha razón. Porque igual que utilizou o idioma galego para escribir os textos literarios, utilizou o idioma galego para debuxar. El dixo que para ser artistas universais os galegos tiñan que facer arte en galego. E xente como Xaquín Marín ou eu tivemos moi claro que tiñamos que debuxar en galego. Nese sentido, claro que somos herdeiros de Castelao e o noso compromiso é ser continuadores.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Igual que utilizou o idioma galego para escribir textos, Castelao usou o idioma galego para debuxar»