Nando: «É unha final. Imos botar toda a carne no asador»

AROUSA

MARCOS CREO

Amigo íntimo de Rivas, o exdianteiro arlequinado nas filas do Noia agarda poder explotar a ansiedade do Arousa moi, di, ao seu pesar

11 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cuarto comezando pola cola da clasificación, o Noia precisa derrotar este domingo o Arousa na Lomba, e que o Cultural Areas non pase do empate no seu propio campo ante un Arenteiro tamén en problemas. Os dous factores da ecuación que o equipo coruñés pretende despexar a fin de saír in extremis da zona de descenso directo na derradeira xornada de Liga, e soñar con que os representantes galegos na vindeira promoción a Segunda B neutralicen os 2,3 ou 4 descensos galaicos desde a categoría de bronce.

«Inda que a xente pense que esteamos descendidos, e poida ser que sexa así, logo de rematar a primeira volta con 11 puntos poder saír do descenso directo é para nós moi importante. Para nós a do domingo é unha final. Non nos queda outra que botar toda a carne no asador». Así se manifestaba onte Fernando González Queiruga, Nando. Un futbolista que axudou, e moito, ao último ascenso do Arousa á Terceira. Fichado nun mes de novembro tras xogar os dez primeiros partidos de Liga co Vilalonga, o de Rianxo viviría despois dúas campañas máis co cadro dirixido por Piscis na categoría que a historia identifica como domicilio habitual do primeiro equipo vilagarcián.

Nando salienta o moito que tivo que traballar e padecer o seu Noia para chegar a este punto. O embarque de Posse no banquiño co paso de ecuador da Liga en substitución de Jaime Sánchez permitíulle ao equipo triplicar a súa puntuación, hoxe con 32 puntos. A costa, explica o dianteiro, de «ternos que arriscar en cada partido, ao non valernos o empate. E unhas veces sae ben, e outras non».

Con todo, non é, nin moito menos, o Noia un equipo temerario. Con Posse, conta o exarlequinado, «vemos como xoga o rival, e sobre iso, tentamos facerlle dano adaptando o noso posicionamento táctico». No caso deste domingo fronte ao Arousa, o Noia sabe que «non podemos deixar moitos espazos ás nosas costas, sobre todo sendo un campo grande».

«Un partido raro». Iso é o que agarda Nando. «Ao Arousa poida que lle pese a ansiedade de ter que gañar, de pensar que será doado pola nosa situación. Canto máis tempo pase sen marcar, poránse máis nerviosos». E teno claro, «ao principio ímonos tantear os dous equipos, pero en canto un equipo meta un gol, o partido vaise abrir moito», porque tanto un coma o outro «terá que ir a por todas». No caso do Noia, sen o seu porteiro titular, Pajarillo, lesionado as tres últimas xornadas, nin Tachi, puntal no centro da zaga. E «co 80 % dos xogadores con problemas musculares desde hai semanas», desvela Nando.

Amigo íntimo do seu paisano Rivas, co que coincidira no Boiro antes de reencontrarse no Arousa, cunha gran relación con Matos ou Javi Pazos, e cun notable cariño cara o seu exequipo, Nando confésase: «Que coincida co Arousa, deixalo sen o play-off, fódeme».