As mulleres son as raíñas do Salón

Elena Larriba García
Elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

Ramón Leiro

O Pazo da Cultura énchese de escritoras, narradoras, ilustradoras, editoras, tradutoras, libreiras, mestras, bibliotecarias e lectoras da literatura galega e mexicana

07 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As mulleres de conto son as que mandan na décimo novena edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que onte abriu as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra máis internacional que nunca, con México como país convidado. «Son mulleres de conto porque grazas a elas temos contos e podemos lelos, porque elas fanos posible escribindo, ilustrando, editando, deseñando, contando, lendo, vendendo, traballando nas bibliotecas, ensinando nas escolas, investigando e facendo crítica dos libros publicados, traducíndoos ou mercándoos para as crianzas», explica un dos textos que atopamos á entrada de O Salón.

O recinto é un enorme tear que vai tecendo sala a sala as culturas galega e mexicana, a través das palabras que están nos libros e na literatura oral. Paspallás e o arquitecto Román Corbato superáronse este ano na ambientación do salón, guiando con fíos aos visitantes para descubrir cada recuncho deste paraíso das letras.

Os alumnos dos centros de ensino de BATA foron onte pola mañá algúns dos privilexiados primeiros visitantes e espectadores do concerto Catrina e Dona Francisca, a cargo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, como adianto do espectáculo inaugural que se celebrou pola tarde para o público en xeral. Música e contos arredor das catrinas, iconos da cultura do país convidado, con máis de cen anos de historia no folclore mexicano. Este concerto contou coa colaboración da escritora e narradora Paula Carballeira, que acompañou a música orquestral composta por Mario Diz e dirixida por Juan Miguel Romero Llopis.

Tras este espectáculo abríronse oficialmente as portas do Salón do Libro aos visitantes cos primeiros contacontos a cargo de Pavís Pavós e Raquel Queizás e das contadoras mexicanas Rocío Kuri, María Guixhooba e Alondra Ángelica Ramírez. Xuntas percorreron o recinto de contos de mulleres dunha e outra beira do Atlántico.

A gastronomía e cultura mexicanas puxeron o colofón ao primeiro día na cafetería do Pazo. Directamente chegados do emblemático barrio de La Merced, en Cidade de México, o chef Rómulo Mendoza, cos fogóns, e Rocío Kuri, cos contos, ofreceron un petisco do seu país.

Un mes cargado con máis dun cento de actividades

Tras a inauguración oficial queda todo un mes por diante con 150 actividades para todos os públicos. Contacontos, música, teatro, presentacións de libros, exposicións, obradoiros, espectáculos exclusivos, visitas guiadas....

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil permanecerá aberto no Pazo da Cultura ata o 29 de abril cuns contidos moi potentes que teñen como obxectivos o fomento da lectura e o achegamento ao mundo do libro e a literatura, abrazar culturas alén do mar, e proxectar a cultura galega. Os públicos adolescentes, a formación sobre a lectura, e os espectáculos de produción propia serán tamén algúns dos seus eixos.

O programa para este sábado inclúe un encontro de profesionais da ilustración de Galicia e México; o espectáculo para bebés Bath time, no que mancharse de chocolate vai ser moi divertido; un obradoiro de libros de cartón; unha sesión de contos que cruzan océanos, a cargo de Bea Campos; a presentación do álbum En un mismo barco, de Mónica Zepeda, e outro obradoiro de poesía debuxada.

Como remate da xornada deste sábado estrearase no auditorio o espectáculo de Odaiko e Fantojes Baj, Mar adiante. Baseado na obra do mesmo título de María Victoria Moreno, unha das estrelas do Salón. Este espectáculo mestura cantigas e música, danza e marionetas nunha singular travesía de navegantes.