O Arousa é, tras o líder Compostela, o equipo máis regular dos últimos tres meses

AROUSA

MARTINA MISER

Fútbol Os de Otero encadean once xornadas en positivo, nas que sumaron 2 de cada 3 puntos

13 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A euforia desatábase a primeira hora da noite do pasado sábado nas gradas do Estadio da Lomba co tanto no minuto 93 de Sergio Santos. Un gol que lle proporcionaba ao Arousa tres puntos de ouro na carreira cara a promoción á Segunda B, diante dun rival directo, o Silva. Tres puntos con múltiples lecturas positivas máis aló do simple engorde do graneiro arlequinado na clasificación.

Co triunfo sobre o Silva o conxunto que dirixe Jorge Otero recurtaba de seis a catro puntos a súa desvantaxe co cuarto clasificado, un Racing Vilalbés que non pasaba do empate sen goles a domicilio fronte a outro rival directo, o Somozas. Foi nunha xornada que deparou outro marcador francamente positivo para os intereses vilagarciáns, a sorprendente derrota do Barco, terceiro, na casa cun necesitado Laracha, 0-1.

A todo o anterior, o Arousa suma a compoñente da seguridade que para o seu traballo no día a día lle proporciona saberse o conxunto máis regular da Liga tras o intratable líder, Compostela. E é que só o plantel vilagarcián se acerca ás quince xornadas en positivo que encadea o equipo santiagués, consolidado no alto da clasificación con 60 puntos tras resolver con doce triunfos e con tres empates os seus últimos compromisos ligueiros.

O Arousa leva once xornadas sen coñecer a derrota. Gañando cinco encontros e igualando os seis restantes nunha serie que arrincaba o 12 de novembro cun 2-2 co Barco na Lomba, sete días despois de caer 3-2 en Somozas. Compos á marxe, ningún outro dos nove primeiros clasificados se lle aproxima. O Bergantiños leva só cinco xornadas sen perder (4 vitorias e 1 empate), o Barco caeu a pasada fin de semana, o Vilalbés foi superado en dous dos seus últimos cinco compromisos e en tres dos seis o Silva, o Alondras encadea seis xornadas en positivo, catro semanas sen gañar o Somozas, e Boiro foi dobregado en seis dos seus nove últimos duelos.

Julio Rey e Javi Pazos viaxarán mañá a Valencia a tentar remontar con Galicia

Limitado de recursos humanos como está hoxe o Arousa, despois do peche do mercado de inverno sen fichaxe ningunha, o conxunto arlequinado verá mañá voar a Valencia a dous dos homes determinantes na continuidade do equipo vilagarcián na pelexa pola fase de ascenso a Segunda B. Julio Rey e o pichichi do grupo galego da Terceira División, Javi Pazos, sairán desde o aeroporto compostelán de Lavacolla xunto co resto da expedición da selección galega de fútbol afeccionado. Dezaoito futbolistas escollidos polo técnico Pichi Lucas, que ese mesmo día, o mércores a partir das seis da tarde no Estadio Municipal Guillermo Amor de Valencia, pelexarán por remontar ante o combinado autonómico anfitrión o 1-2 do partido de ida da fase intermedia da Copa das Rexións Uefa, disputado no campo vigués de Coia.

Xunto aos dous dianteiros do Arousa, completan a convocatoria da selección galega Marcos Souto e Villares (Racing Vilalbés), Pacheco e Jacobo (Somozas), Aarón, Iago e Rodri Alonso (Bergantiños), Comesaña, Escobar e Lucas (Choco), Diego (Silva), Róber e Álex Ares (Compostela), Edu Otero (Ourense C.F.), Varo (Alondras) e Rodri (Negreira). Na outra semifinal Cataluña adiantouse 3-1 a Castela-León.