«De cara á economía, e á tranquilidade, convén comprar con antelación»

Fixar un límite de gasto claro, buscar e comparar, e só despois mercar por tempos, consellos para saír airosos do Nadal


vilagarcía / la voz

Leva 24 anos asesorando os vilagarciáns que acoden á Oficina Municipal de Información ao Consumidor coas súas dúbidas e queixas, acompañándoos nas súas reclamacións ata onde fixa a lexislación, a fin de garantir o exercicio dos seus dereitos como compradores de bens e de servizos en coordinación co Instituto Galego de Consumo. Coa porta do seu despacho no consistorio de Ravella aberta ao público os luns, mércores e venres de 8.30 a 14 horas, Carmen Iglesias Oubiña preséntanos un protocolo para exercer un consumo intelixente ante o inicio da época de maiores dispendios para o común das economías familiares.

-Vimos a estrea do anuncio da Lotaría de Nadal a mediados de novembro; e pechamos a semana pasada co «Black Friday», unha campaña importada da cultura de consumo dos EE.UU, e co Concello de Vigo acendendo o alumeado de Nadal un 24 de novembro. ¿Non nos estaremos volvendo tolos?

-Pois a min paréceme que si. Paréceme un pouco anticipado. Pero á sociedade é o que lle gusta, compartamos ou non esa opinión.

-Como quen non quere a cousa, en medio da maior crise económica do planeta en 80 anos, coláronnos dúas semanas máis de persuasión megaconsumista. ¿A nosa sociedade caeu na trampa?

-Si. Pero o consumo que sempre houbo está aí. O que hai que facer é un consumo responsable. Nestas datas máis ca nunca.

-¿A crise fíxonos ser máis maduros á hora de encarar esta época de grandes desembolsos?

-Si. Hoxe, en xeral, a xente busca máis mirando que a súa economía non se resinta. Desde a nosa oficina asesoramos para que non se fagan compras impulsivas, que antes de mercar se faga unha previsión, que non se precipiten.

-¿E que protocolo deberamos seguir para un consumo intelixente nestas datas, cando todo, na rúa, nas redes, nos medios de comunicación... incita á baleirar os petos?

-Antes de comezar compre facer unha previsión xeral do que imos gastar tendo en conta o orzamento do que dispoñemos, para non excedernos. Non se debe mercar compulsivamente nun só día, senón pouco a pouco. Antes debemos comparar ben os prezos nos distintos establecementos, para ver as vantaxes que temos. Determinados produtos alimenticios nestas datas son máis caros, polo que canto máis agardemos ás festas, máis se irán encarecendo. Podemos facer menús alternativos, poñer produtos máis económicos, evitando as subas de última hora; e tamén as aglomeracións, que en moitos casos poden acabar frustrando as expectativas de atopar o artigo que se quere. E no tocante aos xoguetes, non se van encarecer, pero se hai unha demanda importante, pode ser que non os atopes. De cara á economía, e de cara á tranquilidade da cabeza, convén facer as compras con antelación.

-A venda por Internet está a revolucionar o consumo. ¿Vale este abecé do que nos fala tamén para a compra en liña, ou como consumidores intelixentes debemos seguir algunha outra pauta diferente ou engadida?

-Vale tamén para Internet. Débense comparar distintas ofertas. E recomendamos ter en conta as plataformas ou as páxinas onde se van mercar os artigos. Que a xente se asegure que é a que pensa que é. Ás veces crese que se está mercando no sitio oficial da marca, e se non é así, pódense non ter as mesmas condicións de cambio ou de devolución, atopar maiores problemas se se dá calquera problema ou defecto do ben ou do produto; atoparse cun cargo por devolución ou cambio, ou que non che admitan a devolución. Hai que conservar sempre os xustificantes de pagamento. Unha copia, un pantallazo... Máis cando non hai un establecemento físico no que reclamar. É conveniente gardar a publicidade do momento no que se mercou o ben ou o produto, porque esas ofertas acaban desaparecendo da rede.

«No caso de Internet, que a xente se asegure onde merca, e garde xustificantes e copia da oferta»

«Debemos reclamar. Facéndoo dámoslle pé á Administración a actuar ante quen incumpre con nós»

-¿Tiran os cidadáns da súa oficina especialmente nestas datas?

-En xaneiro veñen máis reclamacións polos produtos mercados en Nadal. En xeral polo mesmo. As devolucións. Hai establecementos onde che devolven os cartos se queres cambiar o produto, e outros non, fanche un vale, e a xente remata molesta. A lei establece que só se pode reclamar a devolución dos cartos se o ben vén defectuoso. Cando merca, o consumidor debe fixarse no tícket. E se nel non figura a posibilidade da devolución, que a negocie na compra co comercio; e que este a faga constar no tícket. Débese gardar sempre o tícket, no que se identifique o ben adquirido.

-¿Cales son os sectores que máis reclamacións xeran na súa oficina durante o ano?

-A telefonía e a electricidade, seguidas da banca e dos servizos financeiros. Levamos unhas semanas cun montón de xente que nos vén dicindo que de repente lle chega unha factura doutra empresa eléctrica diferente á súa, da que non solicitou servizo. A empresa X obtivo os datos da persoa non se sabe ben como, e tramítalle o cambio. Iso non pode ser. Ten que haber unha solicitude, que se ten que firmar, ou por vía telefónica unha grabación na que se recolla o consentimento.

-¿A lexislación protexe como é debido o consumidor, ou remata amparando malas prácticas das grandes compañías?

-O consumidor está protexido. Pero tamén hai que ter conciencia de que todos debemos presentar a correspondente reclamación cando vexamos os nosos dereitos vulnerados. Inda que non me devolvan o custe do servizo ou do ben, teño que ter en conta que esa reclamación lle dá pé á Administración a que lle poida abrir un expediente sancionador á empresa que incumpra as súas obrigas, e que a empresa que o faga o vai pensar na próxima reclamación.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«De cara á economía, e á tranquilidade, convén comprar con antelación»