A tradición da Illa vai cada ano a máis, e ata os bebés que non falan son quen de pedir lambetadas
03 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Hai costumes antigos que os galegos deste século xa só podemos ollar nos libros ou adiviñar nas voces dos nosos maiores, que aínda lembran os recunchos dun mundo que desaparece a lume de biqueira. Por fortuna, isto non é o que sucede cos defuntiños da Illa. Todo o contrario, esta particular celebración vai cada ano a máis. E a xornada de onte non foi unha excepción. Claro que, aínda que pensadas para os máis pequenos, as esmolas das ánimas divirten case máis aos adultos.
A festa botou durante toda a mañá a grandes e pequenos ás rúas illás. E esas lambetadas que os pícaros piden a favor dos defuntos que xa foron para aló, sexa onde sexa, van gañando corpo e variedade. Un clásico e o boliño de pan que elabora para a ocasión a panadaría Mascato. Ten a cousa o seu mérito, porque din as crónicas que hai xa moitos anos, tantos como un milleiro ou máis, en diferentes puntos de Europa entregábase o denominado pan de ánimas, unha masa que se vendía entre o pobo. Os cartos así obtidos servían para poñerlles misas aos defuntos no mes que levaba o seu nome.
Nada disto sucede agora na Illa, claro. Os doces e o propio boliño van parar aos padais e os bandullos dos pequerrechos. Non hai recuncho do concello que quede sen percorrer. A confraría, a praza de abastos, a farmacia, os bares, as tendas, a propia Casa Consistorial, en todas partes menos no colexio, que fica baleiro.
Entre as agradecidas esmolas non faltaron mesmo auténticos aguinaldos en forma de botellas de aceite e paquetes de galletas. Falando disto, xusto é dicir que os defuntiños dos propietarios de Dardo sempre están de primeira. Os pequenos que alí timbran levan nada menos que latas de conserva. Nesta ocasión, saborosas xoubiñas que, ao paso que se van esgotando nos nosos mares, en pouco tempo serán como caviar de primeira. Por coller, os nenos, ben defendidos da chuvia con botas e chuvasqueiros, colleron ata silbatos. Os bebés non falan, pero tampouco é problema, porque as súas nais escriben en carteis o que queren dicir. Unha festa, en fin, de cine. Ou de tebeo.
É ben bonito o costume da panadaría Mascato, que dá boliños de pan aos pequenos