«Precisamos que a Xunta aposte por abrir máis residencias e centros de día»

b. c. CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Tino Cordal é dos que opina que os concellos son a administración máis axeitada para prestar os servizos sociais aos seus veciños, pero pide máis apoio da Xunta para levar esta empresa adiante. -¿Están os concellos suficientemente arroupados polas outras administracións?

-O Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais de Corporacións Locais da Xunta de Galicia debería estar dotado de máis recursos económicos e humanos. É preciso que incrementen o número de horas financiadas a través dese plan para o servizo de axuda no fogar e iso, evidentemente, non resulta posible sen a vontade da Xunta para dotalo de máis recursos. Por outra banda, a nosa administración autonómica tarda demasiado en facer as valoracións de dependencia e, sobre todo, de discapacidade, o cal atrasa e dificulta o acceso a este servizo.

-Axuda no fogar, centros de días, residencias, ¿cal é a mellor fórmula?

-O servizo de axuda no fogar é imprescindible para que moitos dependentes poidan mellorar

as súas condicións vitais pero non resulta suficientemente útil para todos eles. As persoas dependentes de grado tres, a maioría delas de idade avanzada, precisan de atención residencial especializada. E este é outro dos problemas que a Xunta non está a resolver. O progresivo envellecemento da poboación galega trae consigo un aumento no número de dependentes e ante iso requírese unha resposta inequívoca por parte do Goberno galego. Precisamos que a Xunta de Galicia aposte decididamente pola apertura de máis residencias e centros de día.